NOTA DE PRENSA
Balseiro amósase preocupado polo posible cambio de discurso dos socialistas que agora dubidan da idoneidade de levar a cabo esta iniciativa pese a ser unha reivindicación unánime de sindicatos, patronal e do conxunto dos axentes da sociedade mariñá
TAN SÓ FAI 15 MESES O PSOE APOIABA UNHA INICIATIVA DO PP NO PARLAMENTO GALEGO QUE INSTABA AO GOBERNO A NEGOCIAR CON ALCOA A APERTURA AO TRÁFICO COMERCIAL XERAL DO DIQUE NORTE DE MORÁS
* RUPTURA DO CONSENSO: En tan só 15 meses Ismael Rego promove unha ruptura do consenso acadado tanto no Parlamento de Galicia como na Deputación e nas Cortes Xerais. Ante a evidente incoherencia o PP preguntáse se é unha posición particular do Sr Rego ou estamos ante un cambio de posición do PSOE.
* PROGRAMA OCULTO DOS SOCIALISTAS: O PP sempre temeu que o PSOE non era favorable a poñer en marcha un novo porto comercial aproveitando a infraestrutura infrautilizada por Alcoa, tendo en conta a ausencia de iniciativa algunha por parte da anterior Xunta bipartita, e a desconfianza coa que miran esta petición desde o actual Executivo central.
A Mariña, 28 de xullo de 2009.- O 16 de abril de 2008, todas as forzas políticas do Parlamento de Galicia aprobaban a iniciativa do PP un acordo parlamentario no que se instaba ao Goberno galego a apoiar expresamente diante do Executivo central o inicio das negociacións oportunas co grupo ALCOA para abrir ao tráfico xeral o porto comercial de San Ciprián. Nesta ocasión, o acordo era posible grazas á transacción dos distintos grupos parlamentarios, entre eles, do grupo socialista. O encargado de posicionar ao PSOE a favor da iniciativa do deputado popular Jose Manuel Balseiro instando á apertura deste novo porto comercial no dique de Morás, foi Isamel Rego, o mesmo deputado que agora, 15 meses despois desta data, vén a rectificar a súa posición e poñer en dúbida a aposta do PSOE por esta nova infraestrutura.
¿CAMBIO DE DISCURSO?
O cambio de discurso do PSOE é aínda máis sorprendente tendo en conta a unanimidade existente ata o momento, entre as distintas forzas políticas que non só serviu para lograr o apoio do Parlamento de Galicia a esta histórica reivindicación da sociedade mariñá senón tamén para aprobar acordos similares ao anteriormente explicado, tanto na Deputación provincial de Lugo como nas propias Cortes Xerais.
O PP EMPRAZA AO PSOE A DESAUTORIZAR A REGO
Segundo o PP, “Ismael Rego rompe agora este consenso situándose ao marxe dunha petición que tamén contaba co apoio das principais organizacións sindicais e patronais da nosa provincia. Este feito obriga aos populares a preguntarse se a opinión expresada polo deputado socialista é a título particular, e supón tan só o posicionamento persoal do Sr. Rego ou si pola contra, implica un cambio de discurso do PSOE respecto desta cuestión, o que suporía unha clara incoherencia co mantido ata o momento. “Fai 15 meses todos coincidíamos na importancia de contar con este novo porto comercial, como revulsivo da actividade económica na comarca e como motor de grande importancia para a creación de novos postos de traballo e, polo tanto, como iniciativa que favorecerá o incremento do emprego. Agora parece que o Sr. Rego non está nesta posición e quixéramos saber se tamén esta é a postura do PSOE e, de non ser así, que esta formación política proceda a desautorizar ao Sr. Rego”
PROGRAMA OCULTO DOS SOCIALISTAS
Desde o PPdeG, a través do seu deputado Jose Manuel Balseiro veñen a censurar, de confirmarse, o cambio de discurso do PSOE e o intento do deputado socialista de sementar dúbidas sobre unha medida que, na súa opinión, favorecería ao conxunto da comarca. Os populares xa se temían que a falta de apoio á apertura do dique norte de Alcoa era o discurso oculto do PSOE, tendo en conta a ausencia de iniciativa algunha por parte da anterior Xunta bipartita neste senso, e a desconfianza coa que se observa esta petición desde o Goberno socialista central. “Unha vez máis, o PSOE é un obstáculo ao progreso. E pecha as portas a todo aquelo que supoña mellorar, máis riqueza e máis emprego”. Esto contrasta coa posición dos responsables da actual Xunta que, unha vez accedido ao Goberno, están a elaborar un informe que acredite a viabilidade da apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral. Se espera que o Ente Público autonómico Portos de Galicia poida presentar este informe, no mes de novembro.