A MARIÑA .- O secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro Orol, asegurou que hai que “aprender dos erros do pasado” referíndose á concentración convocada polo BNG para reivindicar a apertura ao tráfico comercial de un dos diques do porto de Alcoa. O responsable do PP pide apoio para o seu partido “no seu esforzo porque o Goberno socialista de Madrid inclúa nos orzamentos para 2009 unha partida específica para levar adiante este novo porto comercial”.
Nota de Prensa
Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario Xeral do PP en Lugo
NOTA DE PRENSA
Menos de cen persoas participaron na concentración convocada polos nacionalistas na localidade de San Cibrao, para esixir a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de ALCOA
Balseiro: A MÍNIMA MOBILIZACIÓN ACADADA AMOSA QUE O BNG É UN PARTIDO RESIDUAL NA MARIÑA LUCENSE
o O secretario provincial dos populares afirma que os mariñáns deron ás costas ao BNG “porque xa non aturan o seu comportamento enganoso e bipolar: Goberno en Santiago e oposición na Mariña”
o Balseiro Orol empraza aos nacionalistas a aprender dos erros e apoiar ao PP no seu esforzo porque o Goberno socialista de Madrid inclúa nos orzamentos para 2009 unha partida específica para levar adiante este novo porto comercial.
A Mariña, 6 de setembro de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro Orol, afirmou que o feito de que menos de cen persoas secundasen a concentración convocada polo BNG esixindo a apertura do dique norte de ALCOA vén a demostrar “que este é un partido residual na Mariña lucense, que xa perdeu toda a súa credibilidade ante un veciños que, de xeito maioritario, lles dan as costas”.
Balseiro Orol subliñou que a apertura do dique norte de ALCOA ao tráfico comercial xeral é un obxectivo “que todos os mariñáns apoian, conscientes dos beneficios que esta nova infraestrutura traería para a nosa comarca” pero “unha cousa e isto, e outra ben distinta sumarse á pancarta do BNG que, en relación con este asunto, ten amosado un comportamento contraditorio, enganoso e bipolar, xa que, por un lado hoxe piden a posta en marcha deste novo porto comercial e polo outro, tal e como acreditamos, e fai menos dun ano, votan en contra das iniciativas que o Partido Popular prestou tanto nas cortes xerais coma no Parlamento de Galicia facendo explícita esta reivindicación”
O BNG “perdeu a súa capacidade de mobilización, porque os veciños xa non aturan este dobre comportamento que lles fai ser Goberno en Santiago e oposición na Mariña”. Balseiro Orol lamenta que o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, así como o deputado nacional deste partido Jorquera, “foran cómplices deste erróneo acto, que tan só buscaba facer propaganda”. Anima a ambos dirixentes a que “cada un desde as súas responsabilidades traballen, xunto co PP, para convencer ao Goberno socialista de Madrid da importancia de que o proxecto de apertura do dique norte de ALCOA dispoña dunha partida orzamentaria específica no 2009”
O BNG OBSTACULIZA AS INICIATIVAS DO PP
Balseio Orol lembrou que o 8 de novembro de 2007 someteuse a votación de todos os deputados na Comisión de Orzamentos do Congreso unha emenda do Grupo Parlamentario Popular a través da que se reclamaba a inclusión nas contas estatais de 300.000 euros que serían destinados ao proxecto para a “apertura ao tráfico xeral do dique norte de Alcoa” e “actuacións para a súa adaptación ao tráfico comercial” (sic.). O Partido Popular quedouse só defendendo esta iniciativa xa que ningún Grupo Parlamentario, tampouco os deputados nacionalistas galegos, apoiaron a emenda.
Por outra banda, a petición do PPdeG que reclamaba a inclusión deste proxecto no Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia contou co apoio do BNG quen, no Parlamento de Galicia, o 16 de abril de 2008, uniu os seus votos cos do PSOE para impedir que prosperara a proposición non de lei dos populares.
APRENDER DOS ERROS
Por todo iso, e para finalizar, o secretario xeral dos populares lucenses emprazou aos nacionalistas a “aprender dos erros do pasado” e a unirse ao PP e ao resto dos veciños da Mariña “que esixen dos seus políticos compromisos claros e inequívocos en favor daqueles proxectos, como o de apertura do dique norte de ALCOA, que tan só poden traer riqueza, maior emprego e outros múltiples beneficios á nosa comarca”