BURELA (FNC) .- A concelleira de Educación, Lucía Bouza, anunciou esta mañá que “dende a Delegación de Educación, con motivo do curso que se celebrou durante a semana pasada, Inmigración e Desenvolvemento Local realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, decidimos adquirir unha serie de catálogos de fotografía que levan por título Revela. É un libro que se fixo xa no 2005 e que contén fotografías sobre a inmigración ao longo de todo o mundo. Está realizado por fotoreporteiros e conta con imaxes bastantes duras exceptuando un capítulo que reúne as imaxes máis amables do fenómeno da inmigración. Este apartado leva por título Afrogalegos con fotografías de Xulio Villarino e son todas de caboverdianos de Burela, por iso decidimos adquirir este libro”.
Lucía Bouza engadiu que “xa nos puxemos en contacto co colectivo de caboverdianos de Burela para que todos eles pasen a recoller un exemplar e queremos animar a todas as asociacións, ao resto de colectivos e particulares da vila de Burela que se acheguen ao concello posto que lles facilitaremos exemplares gratuitamente. Son fotografías ilustrativas da vida dos caboverdianos aquí en Burela e penso que pode ser un libro moi interesante para ter nas nosas casas”.
O Concello adquiriu un total de 500 exemplares do libro Revela.