BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, lembrou esta mañá que “hoxe ás oito da tarde teremos outra reunión para falar do corredor Barreiros-San Cibrao, onde estarán representados os portavoces dos partidos políticos, os veciños a través das agrupacións e asociacións, o arquitecto técnico do Concello e os técnicos de OTEA, a empresa que está a elaborar o plan xeral de Burela. E do que vamos tratar hoxe é de incorporar aquelas propostas que veciños e particulares queren plantexar ó documento da nosa alegación. Desta maneira, para a semana que ven faremos unha redacción en conxunto para enviala en prazo a Fomento. Entendo que agora o proceso vai ser rápido porque soamente se trata de facer a redacción dun documento que recollerá todas as alegacións que presenten os diferentes colectivos veciñais, o Concello e os partidos políticos”.
O rexedor engadiu que “unha vez que teñamos as alegacións redactadas, que estimamos será no prazo máis ou menos dunha semana, faremos unha convocatoria pública para darllas a coñecer a todos os veciños de Burela e para insistir na nosa proposta de que o corredor pase o máis posible ó sur do noso concello. Espero que eso sexa significativo e que unha vez explicado teñamos incluso moita máis forza para poder avalar as nosas explicacións”. A alegación conxunta será elaborado pola secretaria do Concello de Burela, e polos técnicos municipais e os de OTEA.