Santiago, 4 de xuño de 2014.- A preguntas do deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Félix Rubial, confirmou que en Burela e Viveiro hai 2.500 diabéticos que potencialmente poderían beneficiarse do programa de retinografías en Atención Primaria, que se desenvolve nos centros de saúde destas dúas localidades e do que se benefician os usuarios de ata nove concellos da Mariña lucense situados no ámbito de influencia destes centros.
O representante do Goberno galego respondía así á iniciativa formulada polo deputado popular que, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia celebrada esta mañá, quixo avaliar e interesouse polo funcionamento deste novo servizo que evita ter que desprazarse ao Hospital da Costa para realizar esta proba como, na maioría dos casos, acontecía ata o de agora.
MÚLTIPLES VANTAXES
Precisamente Félix Rubial coincidiu co deputado popular en salientar os beneficios deste programa dirixido aos enfermos de diabetes, por ser estes os que presentan maior risco de problemas oftalmolóxicos. O representante do Goberno galego repasou as distintas vantaxes do programa destacando, entre outras, que con el o SERGAS foi quen de achegar o servizo á poboación atendida, reducindo os desprazamentos e os custos indirectos que estes traslados entrañan para os pacientes e mellorando a accesibilidade á proba.
Tamén indicou que o novo programa ten servizo para liberar recursos hospitalarios para outros pacientes, que non dispoñen deste equipamento nos seus centros de saúde e que, polo tanto, viron mellorado o seu acceso e reducindo os tempos de espera.
DETECCIÓN PRECOZ
Félix Rubial salientou, por outra banda, o incremento do número de pacientes aos que se pode realizar un fondo de ollos coa periodicidade recomendada para detección precoz das retinopatías, facilitando o diagnóstico rápido, o seguimento, o tratamento e o control axeitados, optimizando a continuidade asistencial e mellorando o manexo compartido dos pacientes e a capacidade resolutiva da Atención Primaria.
O responsable do SERGAS respondeu tamén que é previsible que a medio e longo prazo o correcto seguimento destes pacientes reduza as complicacións oftalmolóxicas da enfermidade, entre elas, os casos dramáticos da cegueira. Así mesmo, explicou que para facer realidade este programa, o SERGAS realizou a adquisición dos equipamentos necesarios e a formación dos profesionais tanto no manexo destes aparatos, como na técnica en cuestión.
Pola súa banda, Jose Manuel Balseiro volveu a agradecer os esforzos do Goberno galego por, en tempos de crise, mellorar a proximidade e a calidade dos servizos que se prestan na sanidade pública da Mariña lucense e salientou que este e outros feitos veñen a desmentir ás críticas que se formulan desde os partidos da oposición.