O Equipo Coordinador Nacional (ECN) de Espazo Ecosocialista reuniuse para analizar o resultado das eleccións europeas.
Para Espazo estamos asistindo a un período de recomposición vertixinosa da política que require de audacia e frescura tal como demandan sectores cada vez máis amplos da cidadanía. Ademais necesitamos resituar tras as eleccións europeas tendo en conta que Espazo, o mesmo AGE, son instrumentos, e que o prioritario é como somos capaces de acertar para vertebrar a nova esquerda galega e non so medrar senón vencer.
Apoiar, no seu día, a alianza das esquerdas rupturistas que empezou por configurar AGE foi un acerto, pois serviu para definir con claridade o campo de xogo estratéxico ata hoxe. Sen cuestionar o papel do que segue a ser a terceira forza política por primeira vez aparece con resultados e apoios meridianamente claros unha opción, que rompe mesmo a necesidade incuestionable de alianzas co PSOE para desaloxar ó PP de concellos e Xunta como acontecía hai menos dun ano. Cuestión non baladí.
E por iso que Espazo abre un debate sobre reorientación da estratexia política de unidade e de construción do partido tendo claro que o acerto do camiñado ata aquí non nos impida acertar nos cambios a introducir.
O ECN de Espazo abriu un proceso de debate interno que realizará con xuntanzas nas súas asembleas comarcais para rematar o próximo sábado 21 de xuño nunha xuntanza do seu Consello Aberto Nacional (CAN) con carácter monográfico asembleario.
Espazo vai facer unha reflexión profunda para responder fundamentalmente a dúas cuestións:
– a primeira é como AGE aborda os retos pendentes de renovación, transparencia e participación que ten ido deixando aparcados polas urxencias;
– a segunda, ligada a primeira, como somos capaces desde Espazo de xogar o papel renovador de ideas e de estilos que se espera de nos, ou dito de outro xeito, cal é a formula máis acaída para seguir desenvolvendo a misión pola que nacemos: construír unha esquerda galega e renovadora peza necesaria para construír unha alternativa nacional e democrática, plural e cooperativa, á dereita.