Delegados e delegadas das organizacións sindicais da sanidade pública concentráronse este martes diante do edificio do Sergas coincindo coa celebración da Mesa Sectorial contra o peche de camas, en demanda da supresión da taxa de reposición do 10% para que non se sigan amortizando prazas e para exixir da conselleira de Sanidade unha rectificación pública por ter afirmado, un deputado do PP en sede parlamentaria, que o peche de camas foi acordado cos sindicatos para o persoal poder ter vacacións.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín explicou que na mesa sectorial a Directora de Recursos Humanos recoñeceu que non existía pacto sindical algún coas organizacións sindicais respecto do peche de camas. Pola súa banda, o Director de Asistencia Sanitaria confirmou que esa era unha decisión da administración porque a súa obriga é xestionar a sanidade pública e porque entenden que a asistencia sanitaria queda garantida no verán malia estes peches.
Sobre o peche de camas en concreto, a única información que ofreceron foi a que xa está publicada na páxina web do Sergas e as xustificacións esgrimidas para explicar os peches, as mesmas que se veñen publicando nos medios de comuniacción.
Fronte a isto, as organizacións sindicais reclamaron que non se peche cama algunha e que o 100% do persoal sexa substituído para garantir durante o verán os mesmos servizos e atención que durante o resto do ano.
Na Mesa Sectorial o Sergas presentou ademais as prazas do concurso de traslados de persoal non sanitario. “O seu criterio é garantir só as prazas ocupadas. Presentaron o número total do concurso, pero non as vacantes que hai así que non sabemos cantas prazas foron en total amortizadas”, denuncia Abuín.
A este respecto, a secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que levan anos demandando que se elabore un código numérico que identifique as prazas para saber exactamente cantas hai e para ter un sistema transparente de cadros de persoal. “Tampouco desta volta aceptaron. Dixeron que non era o momento”.
O que si recoñeceron os representantes do Sergas na Mesa Sectorial é que non se cubrirán o 100% e que non se van convocar prazas de persoal de mantemento para o Hospital de Ourense, porque está xa non plan de privatización.
O mesmo ocorrerá en Vigo cando entre en funcionamento o novo hospital, porque será a empresa que financia a súa construción que xestionará os servizos non sanitarios. Por iso escolleron Vigo para convocar a manifestación do vindeiro día 21 de xuño, para denunciar non só os peches de camas, senón tamén as políticas privatizadoras do PP e denunciar o desmantelamento da sanidade pública e o deterioro da calidade asistencial.