Cervo, 3 de xuño de 2014- Un total de 30 cervenses viaxaron este martes ata o complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, onde coñeceron de preto o funcionamento das instalacións. Ao chegar, os cervenses foron recibidos polo persoal de Sogama encargado de guialos pola planta e de explicarlles o proceso.
Nun primeiro momento, os educadores fixeron unha aproximación ás tarefas que se realizan así como ás diferentes instalacións que alberga o complexo. Antes de iniciar a visita guiada, os asistentes recibiron nocións básicas sobre a xestión de residuos e as pautas de clasificación do lixo que chega a Sogama.
Unha vez aclarados todos os conceptos, os cervenses percorreron as instalacións, previamente dotados dos sistemas de protección individual. En concreto, visitaron a planta de clasificación de bolsa amarela (envases lixeiros), a zona de recepción de bolsa negra (residuos orgánicos) ou os secadoiros e a zona de separación de inertes.
Unha visita que o Concello ofreceu á veciñanza a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, que organiza estas actividades de forma periódica. Con ela, a administración local pretende “dar a conocer desde dentro el funcionamiento de la planta en la que se procesa una parte de la basura que generamos como forma, al mismo tiempo, de concienciar a la población de la importancia de reducir, reutilizar y reciclar los residuos”, explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, que tamén acudiu á excursión.
Alonso lembrou que dende o Concello son moitas as medidas que se poñen en marcha para a xestión sostible dos residuos, dende o programa de compostaxe doméstica, o Punto Limpo, as campañas de concienciación con escolares, ou os traballos continuados para mellorar o servizo de recollida de residuos de diferentes tipoloxías. De feito, hai uns meses o Concello decidiu ocuparse da xestión dos envases lixeiros con recursos e persoal propios, e que ata o de agora realizaba unha empresa. Unha medida adoptada para mellorar o servizo e poder prestalo tendo en conta o nivel de utilización dos contedores amarelos en cada momento.