O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou este martes, no Boletín Oficial do Estado, a convocatoria do XIII premio JACUMAR (Xunta Nacional Asesora de Cultivos Mariños) de Investigación en Acuicultura.
Este premio, dotado con 7.000 euros, ten como finalidade fomentar a investigación pesqueira, no ámbito da pesca marítima, que ten como obxectivos esenciais, entre outros, o desenvolvemento da acuicultura.
Segundo recolle a Orde, poderán optar a este premio todos os equipos que efectúen os seus traballos en centros públicos ou privados de investigación situados en España ou no territorio de calquera outro Estado da Unión Europea. O traballo ha de haberse realizado nos dous anos anteriores á publicación da convocatoria.
Os traballos que opten ao Premio de Investigación en acuicultura valoraranse de acordo con criterios como o carácter innovador do proxecto e a aplicación práctica ás empresas de acuicultura. Tamén se tomará en conta a participación de empresas do sector e de varias institucións científicas ou administrativas.
Os participantes nos premios JACUMAR deberán presentar a solicitude, acompañada da documentación necesaria, no prazo máximo de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.