Este domingo pasado 1 de xuño o Grupo de Sendeirismo da ACD.XOVE fixo a Ruta por Os Ancares “Cuiña-Mustallar-Piornedo”. Un total de 28 camiñantes foron os que se desprazaron, nun microbus, debido a que é moi difícil o acceso a un bus grande. O Grupo saiu de Porto de Ancares (León) para facer os tres picos mais altos dos Ancares. O monte Cuiña con 1.987 m de altitude (o máis alto dos Ancares), o Pico Penalonga con 1.890 m de altura e o Pico Mustallar con 1.924 m de altura o máis alto da provincia de Lugo. En total o Grupo fixo 14 quilómetros andando polo Cordal máis alto dos Ancares, cunhas panorámicas impresionantes e acabando na aldea de Piornedo, a máis típica dos Ancares. Todo un reto que tiñamos preparado, e todo un éxito, pois é unha ruta dunha dificultade moi alta, e de alta montaña, pois os desniveis entre malladas (partes baixas) e picos era de vértigo e as pendentes de auténtica escalada.
