Lugo, 26 de maio de 2014. O delegado de Cultura e Turismo e portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno da institución provincial, alertou sobre a desidia que está a amosar a Xunta de Galiza no que á tramitación de novas axudas de Renda de Integración Social de Galiza (RISGA) se refire. Neste sentido, Mario Outeiro precisou que “esta falta de interese do goberno de Feijoo é máis alarmante, se cabe, se temos en conta que cada vez son máis as familias que teñen menos recursos”.
Outeiro achaca o incremento significativo das persoas en risco de exclusión social ás erráticas políticas económicas aplicadas durante todo este período de crise, unhas políticas que, segundo o nacionalista, “converten en papel mollado os propagandísticos anuncios da Xunta relativos ao incremento da dotación na RISGA para este 2014, de apenas 7 millóns de euros, cando para o pagamento da débeda se consignaron sete veces máis, uns 53 millóns de euros; unha nova proba de que o Partido Popular deixa de lado aos veciños e ás veciñas con máis necesidades para poñerse do lado da banca e do grande capital”.
Así, o último informe remitido polo Valedor do Pobo ao Parlamento galego recolle neste último ano un aumento nas solicitudes de axudas sociais ante situacións de necesidade, como son as Rendas de Integración Social de Galicia ou as Axudas de Emerxencia Social, así como un incremento no número de queixas en relación con elas, sobre todo por denegacións que se consideraban inxustificadas ou por atrasos nas resolucións deses procedementos, que pola súa proia natureza deben resolverse con urxencia.
Nesta liña, son varios os concellos e moitas as persoas que denunciaron máis de sete ou oito meses de retrasos e incumprimentos nas tramitacións deste tipo de axudas, que se enmarcan no incumprimento da Lei de Inclusión de Galiza, que di que ‘Unha vez finalizada a instrución do expediente, o órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica elaborará a correspondente proposta de resolución e ditará a resolución, que deberá ser notificada no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da RISGA en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver’.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro tamén fixo referencia ao último informe emitido por Cáritas española, “no que podemos comprobar como os datos da pobreza ofrecen un panorama desolador, sobre todo na Galiza. O informe sinala que na Galiza a pobreza infantil pasou dun 16,9% en 2007 a un 22,2% en 2012. Asemade, indica que 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos, e son xa unhas 465.000 persoas as que viven na Galiza baixo o limiar da pobreza”.
“Á luz destes datos, e dado que estas axudas para poder facer fronte a situacións de extrema necesidade e pobreza teñen urxencia para as persoas demandantes, consideramos fundamental que se cumpra a Lei de Inclusión social de Galiza e que se poña en marcha de inmediato a tramitación das axudas da RISGA, dando cumprimento aos prazos que se estabelecen a este respecto” – concluíu o delegado.