Foz, 26 de maio de 2014. O recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas pendentes do ano 2013 volverá ao pleno da corporación municipal de Foz este xoves, día 29 de maio. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, apela á responsabilidade do grupo municipal socialista para sacar adiante este asunto e que os provedores poidan cobrar, ante a negativa de Unifoz.
O rexedor explicou que “esta semana temos un tema económico importante no pleno, ao que levaremos unha vez máis o recoñecemento extraxudicial para que todos aqueles provedores con facturas do ano 2013 poidan cobrar. No último pleno no que se tratou este asunto por un fallo no informe de Intervención quedaron pendentes e nós vamos levalas todas novamente, porque queremos que todos os provedores cobren. Nas comisións xa vimos a negativa do señor Xaime Cancio, do grupo Unifoz, a querer que cobren os provedores e quédanos o Partido Socialista, que entendemos que é sensible a esta circunstancia e non vai deixar aos provedores sen cobrar. Esperemos que saia adiante porque así os provedores poderán cobrar o antes posible”.
Javier Castiñeira tamén se referiu “aos datos económicos que presenta o Concello de Foz, que dos municipios grandes da Mariña é o menos endebedado por habitante, con 60 euros, porque a débeda é de 600.000 euros, menor do 15 por cento do orzamento que temos. Isto é froito de facer ben as cousas e de pagar todo o que se debe da factura bancaria, que pasou do 40 por cento de débeda ao 15 e queremos baixar do 10 por cento ao final deste mandato. Pagamos tamén aos provedores as débedas que había previas ao 2011, polo que devolvemos o ano pasado máis dun millón de euros, e ademais as débedas das liquidacións negativas dos anos 2007 e 2008. Todo isto fixémolo mantendo un nivel de servizos aceptable”.
O alcalde tamén destacou que “o ano pasado houbo uns resultados netos positivos, con superávit. Isto significa que se está traballando con cabeza e que este concello a curto prazo vai estar completamente saneado, grazas evidentemente á xestión do equipo de goberno do Partido Popular”.