O Porto Deportivo de Viveiro, destaca hoxe en día por varias cousas. Logo de que o BNG pedira o cumprimento da lei de símbolos. Converteron o edificio da Garda Civil do Mar (pagado por tod@s), e agora destinado a edificio de servizos da empresa privada xestora do porto, nalgo semellante á sede da ONU, non collen máis bandeiras na cuberta, está a tope.
A Portos de Galicia, non lle chegaba con semellante número de bandeiras, senón que pediron, a BANDEIRA AZUL.
Nos criterios de concesión da bandeira azul para portos deportivos, establecen con claridade unha condición para a súa concesión: “Todos os equipos e edificios deben estar en bo estado e ser conformes á lexislación. O Porto deportivo debe estar ben integrado, tanto no seu entorno natural coma construído”.
O BNG, vimos denunciando, e seguiremos ata que isto cambie, o peche de Viveiro ao mar, ao que nos ten sometidos Portos de Galiza e a Xunta gobernada polo Partido Popular. A imaxe do porto deportivo de Viveiro é mala, e non se integra no entorno, tal e como establecen os seus criterios: Presenta un balado exterior inútil, unhas casetas de obra de chapa, para acoller a Garda Civil do Mar, sinais desgastadas e abandonadas, unha caseta de venta de entradas para un barco turístico que xa non está no porto e un aparcamento perigoso para os usuarios na zona do espigón.
Os recoñecementos da calidade deben outorgarse, cunha garantía total e absoluta, de que os requisitos se cumpren. O Porto Deportivo de Viveiro, ten os mesmos servizos que tiña anteriormente, pero máis caros e inaccesibles para a cidadanía.
Esta semana membros de Portos e Concelleiros do PP encheron o peito coa concesión da bandeira, se cadra foi un acto de campaña electoral encuberto, posto que se botou en falta membros do goberno municipal, ou de outros grupos políticos.
O que as veciñas e veciños queremos, é poder enchelo todos, cando o noso Porto Deportivo realmente mereza unha distinción, mentres tanto teremos que conformarnos cun trapo azul inmerecido, e cun criterio de concesión cando menos dubidoso.
Por último, o asunto da bandeira azul, para as nosas praias, sempre foi un tema moi debatido. Nós somos partidarios de que Viveiro conte con tódolos distintivos de calidade turística, posto que melloran a nosa imaxe, e proxectan seguridade e calidade das nosas praias. O Goberno socialista, durante anos, negouse a solicitar os distintivos, e agora a Alcaldesa, en campaña electoral, anuncia a súa petición para as praias o ano 2015, ano tamén de eleccións. Casualidade ou interese electoralista? O de sempre…
Bernardo Fraga