Nota de Prensa
A Mariña perdeu en 10 anos o 68% das súas explotacións gandeiras
O leite de vaca representa un 62,3% da producción agraria da Mariña
O BNG chama a salvar o sector lácteo e apoiar a tractorada do 14
O sector agrario segue a ser un eixe de vital importancia na economía mariñán, alén da súa contribución fundamental desde o ponto de vista territorial. A actividade económica dunha parte importante do territorio mariñán, nomeadamente da Mariña interior, pivota arredor da producción agraria. O sector agrario e as actividades económicas vinculadas a el son a principal fonte de emprego en amplas comarcas da nosa xeografía. O sector agrario mariñán caracterízase pola súa marcada especialización gandeira, a producción gandeira achega o 62 % do valor da producción da rama agraria. Así mesmo, destaca a superficie de prados naturais e de pasteiros que constitúen o eixe da paisaxe agraria da maior parte do territorio. Polo tanto, a gandaría é a principal actividade socioeconómica do sector agrario galego e dentro dela é, sen lugar a dúbidas, a producción láctea a que ten un maior peso na agricultura galega. O leite de vaca representa un 62,3% da producción agraria da Mariña.
O sector de vacún de leite experimentou ao longo das dúas últimas décadas un forte proceso de reestruturacción que deu lugar a un intenso proceso de desaparición de explotacións e a un notábel incremento do seu tamaño medio. Nos últimos dez anos o número de explotacións reduciuse na Mariña nun 68% en canto a cota media se multiplicaba por máis de catro. Porén a cota media das explotacións galega segue sendo notabelmente inferior á media española e a diferenza aínda é maior en comparación coa UE-15. A reestruturación foi acompañada dun acelerado proceso de “modernización” das explotacións lácteas galegas. O incremento da cota media acompañouse dun importante esforzo para mellorar a cabana na procura de maiores rendimentos lácteos das vacas, para adecuar as instalacións adaptándoas as novas necesidades, para mellorar as condicións hixiénico-sanitarias, para adquirir maquinaria, etc .O proceso de “modernización” así como a necesidade de comprar cota láctea dada a reducida cantidade asignada por termo medio ás explotacións galegas obrigaron ás mesmas a manter un elevado ritmo investidor ao longo dos últimos anos para mellorar a viabilidade das explotacións. Abonda como exemplo que só na adquisición de cota procedente do “Banco coordinado” creado polo Ministerio de Agricultura en 2006 as explotacións galegas tiveron que desembolsar máis de 10 millóns de euros. Iso unido ao desembolso esixido polo proceso de modernización e crecemento experimentado polas explotacións deron en lugar en non poucos casos a un grao de endebedamento elevado.
A situación actual do sector lácteo é consecuencia das políticas aplicadas desde a Unión Europea, que baixo o eufemismo da “libre competencia no mercado único” adoptan medidas, en determinados periodos con inusitada intensidade intervencionista e noutros abandonan esa responsabilidade dos poderes públicos interviren nos sectores estratéxicos en beneficio do mercado.No caso do sector lácteo unha ou outra orientación –maior ou menor intervencionismo- adoptouse sempre en función do que máis conviña ás grandes corporacións económicas agroalimentarias europeas e aos Estados centrais de Europa con maiores volumes de produción e claramente excendentarios na producción láctea (Francia, Alemania, Dinamarca, Países Baixos). Agora ben a actual crise do sector lácteo é pola súa natureza a máis aguda de todas cantas ten vivido Galiza desde a súa integración na Unión Europeu, poñendo mesmamente en risco a propria existencia das case 1200 explotación existentes na Mariña e por conseguinte a columna vertebral de todo o noso territorio interior, o que obriga aos poderes públicos a intervir con decisión pola magnitude da situación.
O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar a falta de compromiso dos Gobernos do Estado e da Xunta a hora de poñer solucións riba da mesa, a súa política xestual que pretende agochar con propaganda a falta de xestión, a indiferencia diante a crise que choca co apoio a outros sectores económicos como a banca e o seu nulo interese por cumprir mesmamente o aprobado en sé parlamentar. Neste sentido resulta unha autentica tomadura de pelo as axudas anunciadas pola Xunta de Galiza que afecta á area financeira como adianto no pago das axudas da PAC ou a liña comprometida co IGAPE, por tratarse no primeiro caso dun adianto que xa viñan arbitrando de motu proprio as entidades bancarias, e no segundo por non ser verificábeis ao obrigar ao gandeiro a comprometer garantías coa banca de máis do 60%. Na mesma dirección o Goberno do Estado está a incumprir o acordo parlamentar de 17 de Abril de 2009 onde se comprometía entre outros aspectos a aprobar unha normativa para controlar as importacións a baixo custo ou a adoptar as reformas lexislativas que permitan garantir un prezo mínimo ao leite tal como acontece noutros Estados da Unión. Xa por último o Consello Comarcal do BNG quere expresar o seu apoio a tractorada convocada polas organizacións agrarias a celebrar na Mariña o 14 de Xullo con saída de Vilamar e remate en Ribadeo ao mesmo tempo que fai un chamamento a solidariedade do conxunto da sociedade da Mariña co sector.