O Burela FS Pescados Rubén B despide mañá a tempada en Vista Alegre, na penúltima xornada de Terceira, soñando co título. Dende unha esixente segunda praza, a tan só un punto do Pazos de Borbén, os pupilos de Iván Cao, Lucas, recibirán O Carballiño FS, oitavo clasificado, no templo laranxa (16.00 horas).
Os mariñáns chegan á 25ª xornada con cautela, despois da experiencia da primeira volta, cando caeron por 5-3 na pista ourensá. “Sabemos que non é un rival doado; demostróunolo na primeira volta, pero nós estamos ilusionados con pechar esta bonita tempada, e sobre todo esta segunda volta de sobresaliente, o mellor posible e pelexando por quedar o máis arriba” adiantaba Lucas, animando a afección burelista a gozar desta emocionante recta final.
Na enfermería burelista segue Bruno de Nois; quen entrará na convocatoria, aínda que con dúbidas de participación, será Antón Couto, que continúa con molestias na clavícula. Carlitos entrará na lista do equipo de Juanlu para medirse mañá a mediodía (13.00 horas, Energy TV) co xa campión de Primeira División, Inter Movistar.
En pugna directa cos mariñáns, A Estrada FS (47) recibe o Bueu, noveno clasificado, e o Leis Pontevedra (47) tamén xoga na casa fronte ao pechacancelas, Pizzería A Fuga SD Xove FS. O líder, Pazos de Borbén (48), pola súa banda, visita o quinto en discordia, Santiago Futsal (46).
Última xornada. O Burela FS B pechará a liga o 26 de abril na casa do actual primeiro clasificado (horario unificado, 18.00 horas).