A Oficina de Turismo de Mondoñedo permanecerá aberta ao longo de toda a Semana Santa para ofrecer a información necesaria a tódolos turistas que se acheguen á cidade. Así mesmo, “A Ruta da Auga” de Mondoñedo está preparada para recibir visitantes.
Durante os meses finais do exercicio 2013 e primeiro trimestre do 2014 o concello de Mondoñedo estivo avanzando no desenvolvemento das liñas estratéxicas de actuación propostas no seu Plan Estratéxico do Turismo. Entre elas, atendeuse a mellora e posta en valor da súa mais coñecida ruta de sendeirismo: a ruta da Auga. Sobre o sendeiro, fixéronse labores limpeza e acondicionamento de trazados, sinalización, recuperación de muros e melloras estruturais na zona do Salto do Coro, permitindo realizar un itinerario aproximado de dúas horas e media que percorre o corazón da val do río Valiñadares saíndo desde a Fonte Vella ata chegar ao fermoso Salto do Coro. O percorrido pode continuarse polo Camiño das Sete Voltas ata as inmediacións da Cova do Rei Cintolo, baixada por supena e volta polo camiño que vai cara a vella canteira.
Os traballos de acondicionamento da Ruta da Auga foron complementados con accións realizadas pola Asociación Xuvenil Xoldra que realizou saídas para a súa limpeza e contratou a colocación de papeleiras e dous paneis informativos, que xunto coa edición de pósters e paneis centrados nas especies arbóreas do percorrido, pretenden sensibilizar aos visitantes no respecto da nosa natureza.
Con esta actuación a ruta atópase nas debidas condicións para a súa práctica e divulgación.
Ó longo da Semana Santa a Oficina de Turismo de Mondoñedo permanecerá aberta no mesmo horario de costume para facilitar a información necesaria a todolos turistas que se acheguen á cidade.