A Rede de Dinamización Lingüística, á que pertence o Concello de Burela, ven de convocar con motivo do Día das Letras Galegas un concurso de cuñas de radio orientadas a promover a lingua propia de Galicia.
‘O galego nas ondas’ pretende reflexionar e valorar positivamente o uso do galego entre a mocidade de Burela; polo que o certame, no que colabora Radio Burela, se dirixe ó alumnado de ESO dividio en dúas categorías: A, matriculados no primeiro e segundo curso da ESO, e B, para o alumnado do segundo ciclo da ESO.
As pezas non deberán exceder os 60 segundos e deberán ser inéditas, estar gravadas en lingua galega e estar orientadas a promover o seu uso e valoración social. Así mesmo, poderán incorporar música, sempre que sexa orixinal ou con licenza creative commons. Só se poderán presentar un máximo de 2 cuñas de xeito individual ou en grupos de ata 4 persoas.
Os ficheiros de audio poderán ser enviados ó Concello, ata o 17 de maio, nun CD no que se indicará o título e a categoría na que compite xunto a un sobre no que se indiquen os datos dos concursantes.
O xurado da fase local determinará dous premios por categoría antes do 10 de xuño e que consisten nun obradoiro de radio impartido en Radio Burea no vindeiro outono.
Posteriormente, os gañadores de cada categoría participarán na fase autonómica entre os Concellos pertencentes á RDL. Nesta fase, os gañadores participarán na realización dun programa radiofónico na Radio Galega coa colaboración de profesionais do medio e un lote de libros.
En calquera caso, o xurado terá en conta o grao de elaboración da mensaxe, a súa orixinalidade e a calidade da lingua; rexeitando calquera mensaxe en que se aprecie carácter discriminatorio ou ofensivo.