SANTIAGO. A Xunta de Portavoces, na súa reunión desta mañá, acordou mostrar o rexeitamento da Fegamp á supresión dos partidos xudiciais na súa formulación inicial e a xustiza de proximidade, tal e como se traduce do anteproxecto de lei aprobado o pasado venres en Consello de Ministros. Segundo manifestaron o presidente e o tres vicepresidentes da Federación, a posible centralización de servizos nas capitais de provincia pode dificultar o acceso á xustiza de moitos galegos.
“Queremos manifestar a nosa oposición a esta medida exposta polo Goberno”, anunciou José Manuel Rey Varela, “e trasladar aos alcaldes e alcaldesas que estamos á beira das súas reivindicacións para manter unha xustiza de proximidade que sexa igual para todos, con independencia de onde vivan”.
Para o presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “cando falamos de que as especificidades de Galicia determinan a prestación de servizos, tamén temos que referirnos á xustiza”, e de novo nesta cuestión “os alcaldes e alcaldesas estamos ao lado dos nosos veciños, sen importar a cor política”.
“Do mesmo xeito que fixemos coa reforma local, que seguimos crendo que non recoñece as singularidades de Galicia, facemos agora cunha reforma xudicial negativa non xa para os concellos, senón para os nosos cidadáns”, engadiu Rey Varela.
O acceso á xustiza é un dereito constitucional “que cremos que se pode ver mermado se finalmente centralízanse os xulgados nas capitais de provincia”, e por tanto “non podemos de ningunha maneira aceptalo”.
Por tanto, a Fegamp expresa a súa adhesión non só aos alcaldes e alcaldesas de Galicia que protestaron por esta reforma, senón tamén aos colectivos profesionais do ámbito da xustiza que se situaron nesta liña. “Alívianos saber que a Xunta demanda cambios nesta reforma na dirección dunha atención concreta ás necesidades de Galicia”, apostilou Rey Varela.
Ordenanzas marco
Na Xunta de Portavoces tamén se presentaron dous textos elaborados pola Fegamp e destinados á actividade municipal. Trátase de dúas ordenanzas marco, unha para as licenzas exprés de actividades, servizos e urbanismo, e outra para a xestión da biomasa no ámbito local.
A primeira das ordenanzas derívase da entrada en vigor da Lei 9/2013 de de 19 de decembro, do emprendemento e dá competitividade económica de Galicia, que á súa vez ampliaba os supostos legais de inexixibilidade da comunicación previa que prevé o artigo 4.1 da Lei 12/2012 de 26 de decembro de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos.
A Fegamp porá a disposición dos seus asociados un texto de ordenanza marco que cada concello poderá adaptar ás súas necesidades, así como os formularios de comunicación previa adaptados á lei galega en relación ás actividades, apertura e funcionamento sometidos a este réxime legal e os modelos de solicitude de licenza para os sometidos a licenza previa.
A segunda das ordenanzas marco redactadas busca regular a limpeza de terreos e, non ámbeto dá competencias locais, a distancia dás plantacions e a xestión dá biomasa forestal, co obxeto de conseguir as axeitadas condicións de salubridade e de previr e evitar vos incendios forestais. Este texto é un desenvolvemento municipal da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de Montes de Galicia.
Ambas as ordenanzas irán acompañadas de senllos informes elaborados polos servizos xurídicos da Federación.
Por último, a Xunta de Portavoces acordou a celebración o próximo 23 de abril do Consello Federal da Fegamp para a aprobación do Orzamento para o exercicio 2014.