O Club Kayak de Foz obtivo a segunda praza na primeira regata provincial correspondente á Copa Deputación de Lugo 2014 disputada o sábado nas augas do Miño.
Dende o club destacan a “floxa participación de regatistas comparada con anos anteriores que se puido deber ó adianto das datas que coinciden coa época de estudos e que veñen precedidas de poucos adestramentos debido ás poucas horas de luz”.
Aínda así, o Club Kayak de Foz fíxose coa segundo posición grazas aos títulos dos seus regatistas: María Fernández, primeira en K-1 benxamín feminino de 1.500 metros; Iago García, Iván García e Isaac Menéndez, cuarto, quinto e oitavo na mesma categoría masculino; Anxo Balea, Francisco Rubio, Pablo López, Brais Martín e Santiago Pérez, primeiro, segundo, terceiro, sétimo e novena en K-1 alevín masculino de 1.500 metros; e Paola García e Lidia Menéndez, segunda e terceira en alevín feminino.
Así mesmo, na categoría alevín B Mateo Rivas e Enrique Valle fixéronse coa cuarta e quinta praza; mentres que Xoel García se proclamaba campión en infantil B de K-1 3000 metros. Na categoría A Juan Rivas, Alexis Navas, Noel García e Paco Andrey Fernández, alcanzaron a segunda, terceira, sexta e sétima praza do torneo.
En K-1 cadete (5000 metros), Jesús Alarcón e Mayra Alarcón fixéronse coa sexta e cuarta praza en masculino e feminino, respectivamente. E, en xuvenil, Javier Vila, Xoán García e Alberto Femenias chegaron á meta na sexta, sétima e oitava praza.
Entre os veteranos, Ángel Antonio Gómez marcou a oitava posición en K-1 5000 metros e, na categoría sénior, Ramón Lanzós e Ignacio Romillo remataron a proba na duodécima e décimo terceira posición.
Deste xeito, o Club Kayak de Foz fíxose coa segunda praza por clubs con 1829 puntos, por detrás do Club Fluvial de Lugo con 1875. Completa o podio o club Piragüismo de Lugo; mentres que pechan a clasificación outros tres clubs da Mariña: Club Piragüismo Viveiro, Club Deportivo San Ciprián e Club Piragüismo Altruan de Ribadeo.
*Foto: El blog de Thornado.