Burela, 4 de abril de 2014. O Concello de Burela, a través da Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, celebrará o vindeiro luns, 7 de abril, o Día Mundial da Saúde, que este ano está dedicado á reflexoloxía entendida como medicina alternativa complementaria á medicina tradicional.
A edil Diana Durán explica que “a reflexoloxía é unha técnica terapéutica baseada na masaxe de zonas reflexas do cráneo e da cara, columna vertebral, mans e pes, onde se atopan as zonas representativas de todas as demais partes do corpo, conectadas pola vía nerviosa. Esta técnica axuda principalmente a aliviar o estrés, a mellorar as funcións de órganos e aparatos do corpo, calmar a dor, facilitar eliminación de toxinas, prevención de enfermidades e disturbios da saúde, entre moitos outros beneficios. Tamén, resulta ser eficaz como complemento de tratamentos específicos para diferentes enfermidades”.
A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade subliña que “é importante saber que non substitúe ao coidado médico, pero con enerxía suficiente e desexos de recuperación, axudará en gran medida. A reflexoloxía pode ser aplicada desde nenos ata adultos. Soamente non é recomendada cando se teñen problemas arteriais importantes, feridas nos pes e enfermidades cardiovasculares”.
Esta charla formativa terá lugar o vindeiro luns, 7 de abril, ás 19:30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello a cargo da reflexóloga Puri Pinín.