RIBADEO (FNC) .- O Concello contrata a tres persoas para a oficina de información turística a emprazar na praia de As Catedrais. Dito contrato realizarase pola modalidade de obra ou servizo determinado, a tempo parcial e por dous meses, durante a tempada de verán de 2009.
Entre os requisitos que se esixen figura ter a diplomatura en turismo. Valoraranse os servizos prestados no Concello de Ribadeo ou noutras administracións públicas en postos de traballo de contido análogo ou categoría semellante ao das prazas a que se opta; os cursos directamente relacionados coa actividade a desenvolver no posto de traballo de axente de emprego e desenvolvemento local, en materias de emprego e desenvolvemento local impartidos pola administración pública ou entidades dela dependentes ou homologados; o coñecemento do idioma galego e a antigüidade no paro.
Os interesados poden presentar toda a documentación solicitada ata as 14 horas do vindeiro 13 de xullo no rexistro xeral de entrada do Concello de Ribadeo. A proba de selección de persoal realizarase o 15 de xulo ás 19 horas na Casa do Concello.
O CONCELLO CONTRATA A TRES OPERARIOS PARA A LIMPEZA DE PRAIAS.
O Concello contrata a 3 operarios para o servizo de Medio Ambiente que se encargarán da limpeza das praias. O contrato será pola modalidade de obra ou servizo determinado por un período de dous meses e a tempo parcial.
Entre os requisitos que se esixen están o de ter o certificado de estudios primarios ou de escolaridade e o carnet de conducir da clase B. Valoraranse os servizos prestadas no Concello de Ribadeo, noutras administracións públicas, en empresas privadas de Ribadeo ou de fora deste termo municipal en postos de traballo de contido análogo ou categoría semellante ao das prazas a que se opta e os cursos relacionados coa actividade a desenvolver no posto de traballo impartidos pola administración pública ou entidades dela dependentes ou homologados. Os interesados teñen ata as 14 horas do 13 de xullo para presentar toda a documentación. As probas de selección serán o 14 de xullo ás 19 horas na Casa do Concello.