RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, anunciou hoxe que “se está a proceder á limpeza das estradas da Deputación mediante un convenio que firmamos con esta a finais do mes de marzo”.
O edil explicou que “a pesares de que algún membro da corporación se puxo nervioso e dixo que había que limpalas xa hai uns meses, o goberno municipal entende que o hai que facer en certas épocas, xa que se nos poñemos a desbrozar nos meses de marzo ou abril, cando chega o verán nos encontraríamos outra vez coas gabias cheas de herbas e silvas”. Cupeiro reiterou que “como a xente do rural entendemos un pouco máis de todo isto, por iso estamos aguantando ata este tempo para que as cunetas e gabias permanezan máis semanas adecentadas”. Ademais o responsable de Medio Ambiente explica que “estamos cumprindo o convenio porque neste se di que o período de desbroce comprenderá dende o 15 de maio ao 15 de xullo para que, dende o punto de vista da efectividade, as gabias estean limpas”.
Por outra banda, Horacio Cupeiro comunicou que o Concello de Ribadeo firmou estes días un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural para “a participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais de titularidade municipal. Desta maneira pronto se verá un tractor máis circular polas estradas do concello para ter máis limpas aínda as cunetas e as zonas que puideran ser perigosas á hora dun incendio”.