Compostela, 26 de marzo de 2014.- A CIG-Saúde exixe a inmediata retirada do Decreto de Xestión Clínica aprobado polo Consello da Xunta e publicado no DOG número 57 do día 24 de marzo. Considera que non se pode impor un modelo de xestión que conta co rexeitamento das organizacións sindicais, as/os profesionais da sanidade pública e da cidadanía en xeral. Rexeitamento ao que se suma ademais o Consello Consultivo de Galiza que mesmo o considera contrario ao ordenamento xurídico.
A CIG-Saúde congratúlase de que o informe do Consello Consultivo coincida, no substancial, coas denuncias presentadas por escrito pola central sindical na mesa sectorial, nomeadamente a consideración de que o texto “está cheo de ambigüidades e de aspectos claramente negativos”. Ambigüidades que a central sindical entende que “son especialmente rechamantes no relativo a Recursos Humanos, ao manexo de recursos económicos e nos sistemas avaliación”.
A este respecto, o Consello Consultivo coincide en sinalar que o documento ten un “grao de indefinición do sistema e falla de claridade nas previsións” e fai referencia ademais á “pouco clara” regulación dos incentivos económicos.
Nese sentido, a CIG-Saúde denunciaba, e denuncia, que os incentivos económicos están baseados nos recortes nas prestacións e non en indicadores de saúde e sobre isto o Consello Consultivo recolle que non hai unha regulación expresa dos indicadores que deberán terse en conta para a fixación dos incentivos e coincide tamén coa valoración da central sindical respecto da libre designación do xefe/a da área de xestión clínica.
Para a CIG-Saúde é “inadmisíbel” que a pesar de ter coñecemento da valoración do Consello Consultivo, en contra do proxecto de creación das áreas de xestión clínica, o goberno galego no seu conxunto, aprobara o Decreto sen ter en conta ningunha das observacións xerais que sobre a legalidade do proxecto fai este organismo.
Por iso considera que debe ser retirado de forma inmediata e devolto á mesa de negociación para así corrixir as deficiencias denunciadas polas organizacións sindicais que se ven avaladas polo Consello Consultivo.