Lugo, 26 de marzo de 2014.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, a liña de axudas de concorrencia competitiva para os colectivos culturais e concellos para a realización de actividades de índole cultural, que segundo informou Outeiro, “supoñen un investimento de 540.000 euros, sen ningunha redución con respecto ao ano pasado”. As actividades culturais subvencionadas son as realizadas durante o 2014 e as asociacións e concellos terán de prazo para xustificalas até o 31 de marzo de 2015.
Un ano máis, a área de Cultura da Deputación, lanza estas axudas sendo coñecedores da difícil situación pola que está pasando o tecido cultural lucense e galego, en boa medida polo abandono ao que o ten sometido a Xunta de Galiza, que co pretexto da crise e da austeridade deixou de subvencionar o tecido cultural de base, pero sigue enterrando centos miles de euros no mausoleo da cultura galega como é a Cidade da Cultura.
Neste sentido Mario Outeiro afirmou que “as administración públicas non nos podemos escudar na crise e na falsa austeridade para acotar a resposta social e a creatividade que cada día máis está na rúa, a cultura é do pobo e como tal, desde as administración públicas así o temos que crer e potenciar”.
As entidades culturais poderán acollerse a dúas liñas, que son compatibles (as asociacións poden pedir as dúas): realización de actividades eventuais ou actividades anuais. Para as actividades de carácter anual (permanente) o límite da axuda son 8.000 euros e para eventos culturais 6.000 euros. O investimento total para esta liña de axudas son 400.000 euros.
Por outra banda, para os concellos hai catro liñas, dúas para a realización de actividades e dúas para investimentos, é dicir: por un lado a realización de actividades eventuais (eventos puntuais) ou de carácter anual, para o que só se poderán acoller a unha delas. Esta liña está dotada con 80.000 euros. Por outra parte están as dúas liñas para a realización de investimentos en infraestruturas culturais ou a adquisición de equipamentos para uso cultural: destas dúas últimas liñas os concellos terían que escoller tamén unha. Esta liña está dotada con 60.000 euros.
Como pequena modificación que se introduce este ano, cómpre destacar que este ano establécese que, cando menos o 5% do custo total da actividade subvencionada, deberá ser financiado con recursos propios das entidades beneficiarias.
Tal e como explicou Mario Outeiro, “os criterios de valoración destas subvencións son obxectivos e buscan valorar aquelas actividades que potencien a nosa cultura e sexan abertas á poboación e nas mesas de valoración das axudas, ademais do persoal técnico, teñen representación as tres forzas políticas que fan parte da institución provincial”.
Así mesmo, o delegado aclarou que “quedan excluídas desta convocatorias as axudas para comidas, e as viaxes que se realicen que non leven aparelladas unha actividade cultural complementaria, festas patronais e eventos relixiosos, así como proxectos de carácter deportivo, relixioso, político, militar e en xeral que sexan corporativos restritivos, xa que o seu fin non é a promoción dos recursos e manifestacións culturais para a poboación en xeral. Consideramos que o diñeiro público debe ser investido en crear cultura para todos e todas e isto é algo que tamén primamos nos criterios de valoración”.
As bases destas axudas serán aprobadas este venres, 28 de marzo, en Xunta de Goberno e publicadas a semana que vén no BOP, momento no que as asociacións culturais xa poderán recoller as bases e presentar as súas solicitudes no prazo de 30 días naturais a contar a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
“É importante sinalar, como mostra da importancia para o tecido cultural desta convocatoria, que ano pasado superáronse as 600 solicitudes por parte de asociacións e concellos lucenses” – concluíu Mario Outeiro.