Ribadeo, 26 de marzo de 2014. Remata Marzo en lila, o mes dedicado a conmemorar con diversas actividades o día internacional das mulleres. Hoxe, mañá e o venres os alumnos e alumnas de 6º de primaria dos centros educativos Sagrado Corazón e Gregorio Sanz asisten a un obradoiro de manexo e creación dun espectáculo de títeres, en horario de mañá e tarde.
Segundo subliñan desde a Concellaría de Igualdade “dito obradoiro está a ser impartido por profesionais do mundo do teatro, en concreto pola actriz mariñá Comba Campoi, que ademais está a desenvolver a súa tese doutoral sobre os títeres e por Anxo García director de Viravolta. A compañía Viravolta veu participando en todos os esforzos que se teñen feito en Galicia para recuperar a figura do títeres tradicional de Galicia, Cristovo primeiro, Barriga Verde despois, e dos titiriteiros que traballaron nos seus espectáculos con estas figuras, en concreto a Familia Silvent que foron os introdutores de Barriga Verde”.
Mariluz Álvarez Lastra dixo que “as sesións deste obradoiro son cinco de dúas horas de duración, cada unha. O que se tratará son temas relacionados coa igualdade desde o punto de vista da sensibilización, da posta en valor de educar e da importancia vivir en igualdade na sociedade, onde o trato do home cara a muller sexa respectuoso e onde ambos sexos convivan en condicións de igualdade tanto no ámbito laboral, no social e no educativo”. A edil de Igualdade engadiu que “do que se trata é de que a través de algo máis atraínte como pode ser a creación de títeres, de monicreques, os alumnos/as elaboren un guión e sexan capaces de representalo, que se poña en escena, que se poida gravar e que sirva para traballar dentro dos propios centros con outros niveis educativos e que se poidan publicitar, ben sexa a través das redes ou doutros medios para que a xente vexa o que se traballa e que sirva como elemento de sensibilización cidadá”.