Lugo, 19 de marzo de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular aclara que a imposición de cláusulas sociais nos contratos “non é unha actuación innovadora” da Deputación Provincial de Lugo.
Os populares explican que o dereito comunitario prevé dende o ano 2004 o establecemento de cláusulas sociais nas condicións de execución dos contratos, polo que dende aquela, explican os populares “son cantidades de administracións as que se acolleron a este regulado e solicitaron incluso informes ao respecto”.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular aseguran que unha vez máis o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, está a “vender fume” ao anunciar como pioneira unha actuación que regula a lexislación contractual dende fai dez anos.
O PP advirte que as cláusulas sociais non se poden prever como un criterio para valorar na selección do contratista
Os populares quixeron advertir a Besteiro sobre o que regula a normativa neste ámbito. Neste senso, dende o GPP explican que a lexislación contractual prevé o establecemento de cláusulas sociais nas condicións de execución do contrato, pero prohibe que se valoren as ofertas con arranxo a estas cláusulas.
É dicir, “estas cláusulas non poden ser un criterio a valorar á hora de seleccionar ao contratista e polo tanto ao adxudicar a obra, pero si pode ser unha condición imposta na posterior execución do contrato”.
Polo tanto, os populares non só lle lembran a Besteiro a existencia de antecedentes, senón que tamén lle advirten de que a imposición non vulnere informes previos existentes da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, -tribunal independente ao que se lle elevan consultas acerca da lexislación contractual-.
Neste senso, os populares poñen como exemplo un informe 12/11, de 28 de outubro de 2011, da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa en resposta á petición dun Concello de Barcelona.
A referencia a este informe comproba a existencia de antecedentes e que, polo tanto, non se está a falar dunha actuación pioneira a maiores de recoller que só resulta admisible o establecemento destas condicións na execución; pero non criterios de adxudicacións que valoren estas cláusulas sociais.
O GPP agradece actuacións que garantan un emprego de calidade
O Grupo Provincial do Partido Popular manifesta o seu agradecemento a calquera tipo de actuación dirixida a garantir o emprego de calidade e, polo tanto, os dereitos dos traballadores durante toda a relación contractual coa empresa.
Porén, os populares amósanse críticos coa actitude propagandista da Deputación Provincial de Lugo, que a través de dotes verbais tentan vender aquilo que non é unha realidade.
Neste mesmo senso, dende o GPP tamén lle piden a Besteiro que, ao igual que propón ás empresas adxudicatarias, tamén aplique na Deputación a maior calidade posible no traballo.
Os populares fan estas declaracións ao lembrar denuncias públicas dalgún sindicato por recortes salariais e polas condicións laborais que se estaban a dar en algunha área, por exemplo, recadación.