As vidrieiras soen usarse para decorar deixar un espazo diáfano, polo que pode pasar luz e contrastar coa propia decoración das vidrieiras. Para elo, necesitan transparencia ó tempo que cor.
En Ribadeo vai xa para catro anos que a AVV O Tesón puxo en coñecemento do concello e tamén xeral o caso dunhas vidrieiras, as da capela do cemiterio, que sendo patrimonio ribadense a cargo do concello (que non propiedade del) no curso dunha obra se tiraron e mesmo queimaron, con grande perxuízo para a súa integridade. Despois, “presionamos o que poidemos para que as vidrieiras voltaran ter unha presenza como nos mellores tempos, así como para que se procuraran responsabilidades. O concello respondeu demandando á compañía de seguros para conseguir algún carto para a reparación, que se cifrou en 14.000 euros”, recordan dende a AVV O Tesón.
Unha volta conseguidos os cartos, as vidrieiras reparáronse e remontáronse, esquecendo calquera outra cousa, como a responsabilidade que daría máis transparencia ó tema. E así, sobre a culpabilidade ou un protocolo de actuación para evitar casos semellantes, nada se sabe. E as vidrieiras están postas. Pero coa capela pechada, e sen ter visto antes de preto as vidrieiras, tampouco se sabe como resultou a reparación. Por iso, o pasado 31 de xaneiro, na xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións do Concello co Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente, foi presentado o tema e pola parte oficial, díxose que a semana seguinte habería uns días de portas abertas na capela do cemiterio para observar alomenos dende abaixo e o interior como quedaron. Diso fai máis de mes e medio, e non se voltou saber máis desa mínima posibilidade xa non de control, senón de desfrute do patrimonio ribadense.
Antes da obra de restitución, O Tesón difundiu a idea da exposición das vidrieiras, e deu entrada no concello o 10 de decembro, un escrito que a incluía:
“(…)A sociedade ribadense ten como referenza as súas declaracións no sentido de que as vidrieiras estaban a piques de finalizar a súa restauración, o que suporía a súa rápida restitución
Polo que
Solicita a súa exposición previa en sá de exposicións para que as xentes de Ribadeo poidamos ver de preto as vidrieiras e a calidade da súa restauración(…)”
Verbas que quedaron sen resposta. Unha volta pasada a obra e a xuntanza da Mesa de Asociacións co alcalde, o 26 de febreiro lembróuselle o dito, cun escrito que incluía:
“(…) solicitamos de novo que sexa realizada a exposición das vidrieiras, facilitando os medios para que o pobo de ribadeo poda aprezar de preto os traballos realizados, as condicións da súa instalación e as diferenzas, de habelas, coas antigas vidrieiras, así como aportando datos para a súa mellor aprezación.
Asemade, reiteramos que polo momento non se ten observado ningún movemento para procurar responsabilidades nin para evitar no futuro por outro xeito actuacións semellantes, polo que advertimos que ambalasdúas cousas iran en perxuízo do pobo de Ribadeo”.
“Xa pasou medio marzo… e todo segue igual”, critica Antonio Gregorio. “Terase perdido unha oportunidade de aprezación do patrimonio cultural de Ribadeo e, a máis de non saber ben como decorreu o proceso desta volta, non se terá feito nada para que no futuro sexa máis difícil de que volte a ocorrer algo semellante”, conclúe.
AVV O Tesón