CERVO, 12 DE MARZO. As últimas noticias sobre Sargadelos anunciaron que a empresa desembocaba en suspensión de pagos. Os socialistas de Cervo entenden que “esta non debe ser a última solución. Pedímoslle ó alcalde, Alfonso Villares, que inste con urxencia á Xunta de Galicia a establecer un plan de actuación para cooperar na busca doutras saídas á situación económica pola que están atravesando”.
A empresa Sargadelos é un auténtico símbolo económico e cultural, non só de Cervo senón de toda Galicia, “non queremos que o noso rexedor se esqueza disto, as súas palabras parecen transmitir que acepta esta decisión. Non se pode rendir agora, ten a obrigación de seguir loitando para lograr a viabilidade desta empresa, polo que supón para Cervo e os seus traballadores”.
Na mesma liña, dende o Grupo Socialista lembran que “a Xunta de Galicia chegou a acudir en rescate do grupo cun préstamo participativo convertible en accións de 600.000 euros. Non pode mirar agora para outro lado, ten a responsabilidade de defender o diñeiro invertido, velar polos seus propios intereses como parte da empresa e apostar por unha fábrica emblemática que desenvolveu unha grande labor en favor de toda a cultura galega”.
Rematan insistindo en que dende o Concello de Cervo, “agradeceríamos que o señor Villares lle transmitise ós seus compañeiros da Xunta de Galicia que, como inversora na empresa, negocie cos debedores co único fin de conservar e manter a actividade industrial. Cremos que sería a forma de obter beneficios económicos das inversións xa realizadas e poder seguir adiante”.