RIBADEO (FNC) .- Horacio Cupeiro, concelleiro de Medio Ambiente, amosouse esta mañá “preocupado pola forma de proceder do señor Reimóndez que acode aos medios de comunicación antes de poñer en coñecemento do Concello ou da empresa concesionaria, neste caso Aquagest, calquera tipo de anomalía que se poida producir na rede de sumidoiros.” Cupeiro denunciou que “este é o oportunismo que practican algúns esperando a que haxa unha carroña para actuar igual que fan os buitres. Unha vez máis con estes comportamentos queda claro cales son as súas pretensións, para nada o medio ambiente pero sí acudir aos medios con algo rechamante, coma quen que os demais non facemos nada”.
O edil explicou que “o que tivemos que facer foi andar buscando por toda a rotonda do Voar ata atopar a avaría que non estaba xustamente nesa localización. Unha avaría que foi producida por unhas biondas que se colocaron enriba dun tubo que ía ao alcantarillado. Ese tubo ao poñer os anclaxes dos quitamedos rompeu e por alí saía a auga cara a cuneta e discorría por ela durante uns 20 metros para logo volver a unha arqueta do saneamento”. Cupeiro engadiu que “agora ese tramo de estrada no que se produciu esta anomalía é competencia do Concello, pero as biondas e os anclaxes foron postos pola anterior administración á que pertencía o vial en cuestión”.
Horacio Cupeiro sinalou que “unha vez encontrado isto, por onde saía o líquido que era auga contaminada con aceites, entón procedeuse á súa canalización por onde ía antes da rotura, e unha vez solucionado estamos a proceder dende o punto de vista da legalidade para que estas empresas que posiblemente estean conectadas non da forma máis legal á rede de sumidoiros, actuar para que cumpran coa normativa tomando, tódalas medidas que corresponden dende o punto de vista do regulamento. Quero dicir que a empresa concesionaria, Aquagest, nada máis que lle puxemos isto no seu coñecemento actuou de forma instantánea e presentámonos alí para ver cal era a realidade dos feitos e repito que nos custou bastante porque tivemos que andar arredor do Voar para encontrar onde estaba a anomalía”.