Vendo o devalo deste últimos tempos no BNG, vénseme á mente a imaxe da aldea gala de Asterix. O imperio romano foi gañando terreo ate deixar un pequeno fato de galos invencibles, que se atrincheiran nun recuncho da fisterra defendéndose con carraxe e determinación contra todo tipo de dominación. Son capaces de facelo gracias a un bebedizo máxico que lles dá unha forza sobrehumana. As súas liortas contra invasores imperiais prodúcense en contadas ocasións. A estratexia do goberno de César é deixar que se cansen e que vaian desfacéndose entre eles. Cuestión de tempo. Cando non están loitando contra os romanos, para manterse en forma, andan a paus ente eles. O peixeiro peléxase co ferreiro, os vellos cos novos, as mulleres entre elas e Obelix contra todos. Só é capaz de poñer un pouco de sentido o druída e Asteríx, que aínda que non é o xefe da tribo, si é o máis intelixente de todos.
Na aventura das doce probas que César lles propón superar coa condición de deixalos en paz, gáñanas todas gracias ao bebedizo máxico e á forza extraordinaria de Obelíx, pero hai unha delas na que están a punto de perder. Foi cando entraron na “casa da tolemia”, na administración, nas tripas do goberno. Contra a burocracia a maxia non tiña poder. Loitar contra as moreas de papeis, contra os impresos, contra os despachos, contra seccións e subsección, contra os funcionarios era algo novo e fóra das súas posibilidades. Xa estaban a punto de desesperar cando a intelixencia de Asterix descubriu a saída utilizando as mesmas armas da burocracia.
Dende sempre a vida no BNG é ben parecida á dos galos invencibles. Hai druídas, xefes que mandan pouco, canteiros coma Obelix, liortas na tribo e ultimamente pasando as doce probas particulares, metidos na casa da tolemia agardando que apareza algún Asteríx salvador. Esperemos que non chegue tarde.