Lugo, 7 de marzo de 2014.- Carlos Vila Pérez será o novo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, en substitución de José María López Vega.
Vila Pérez ostentaba ata o de agora o cargo de xefe de servizo de Calidade e Avaliación Ambiental no departamento territorial que agora pasa a encabezar na propia Delegación Territorial lucense.
O novo xefe territorial dirixiu durante máis de tres anos o devandito servizo, unha área á que, non obstante, estivo vencellado con distintas responsabilidades nas dependencias da Administración autonómica en Lugo dende o ano 1998.
Nado no concello de Lugo en 1968, Vila Pérez é licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago e conta con diploma de directivo da Xunta de Galicia, de cuxo corpo facultativo de biólogos forma parte dende setembro de 1994.
Este cambio ven motivado pola recente xubilación de José María López Vega, que durante os últimos anos foi xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, culminando así unha brillante carreira profesional que o levou a desempeñar postos de responsabilidade nesta consellería.