FOZ .- O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, participou este venres na presentación do II Campus de Verán de Patinaxe Artística que organiza a Asociación Escolas do Deporte e que se desenvolverá na localidade de Foz do 29 de xuño ao 3 de xullo. No acto tamén estiveron presentes, o presidente a agrupación organizadora, Iván García, a directora do campus e adestradora do Nivel 2 de Patinaxe Artística, Rebeca Díaz, e a concelleira de Xuventude e Deporte de Foz, Rosa Alonso.
Na súa intervención Antonio Veiga, amosouse moi satisfeito co traballo desenvolvido pola Asociación Escolas do Deporte que, “un ano máis, ofrécelle aos habitantes da comarca da Mariña a posibilidade de desfrutar dun deporte minoritario como é a patinaxe artística”. Alén disto, o nacionalista salientou a necesidade descentralizar pouco a pouco a práctica destas modalidades deportivas e achegalas a todos os lucenses. O apoio da Área de Deportes da Deputación de Lugo a este II Campus de Verán de Patinaxe Artístico está totalmente xustificado xa que ambos proxectos perseguen os mesmos fins entre os que esta o de fomentar o deporte de base, especialmente naquelas disciplinas menos estendidas xeograficamente pero que si contan cun bo número de afeccionados nas comarcas lucenses, asegurou.
Nesta segunda edición, ademais de ofertárense novamente os cursos de iniciación e perfeccionamento de patinaxe artística, os rapaces e rapazas inscritos neste campus tamén poderán participar nunha serie de actividades lúdicas complementarias que se desenvolverán en varias localizacións da vila como son o Pavillón “O Cantel”, o “Campo da Cabana” ou a praia da Rapadoira. A organización do II Campus de Verán de Patinaxe Artística habilitará un servizo autobús totalmente gratuíto para que todos veciños e veciñas da comarca da Mariña que estean interesados ou interesadas en participar nas xornadas formativas se poidan achegar ata Foz. Ao remate do campamento, todos os participantes recibirán varios agasallos entre os que destacan unha bolsa de patinaxe, unha funda para os patíns, unha camiseta e bono de desconto na tenda deportiva Living Sport. O prazo de matrícula segue aberto e o seu custo ascende a 100 euros. A idade mínima para participar no campus é de 5 anos.