Lugo, 14 de xaneiro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta tarde, no Museo de Lugo o libro “Do Piñeirismo ao Consello da Mocidade. O Rexurdir do nacionalismo galego”, un ensaio da autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez e do filósofo e historiador Xoán Carlos Garrido, publicado pola Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (FESGA).
A publicación deste libro enmárcase no proxecto homónimo que deu lugar a unha exposición e documentario desenvolta coa coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, e que estivo exposta na sala multiusos do Museo Provincial desde o pasado mes de decembro.
O libro presentado este martes recolle a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar españolista do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século. A dicir dos autores, aquel tempo iniciaríase co asasinato dos principais cadros do nacionalismo galego, reconstituíndose no exilio o tecido patriótico galego, tendo como símbolos a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían ao noutrora deputado nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, que librara dun asasinato seguro, como máximo referente. Na nosa terra iría agromando un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocidades Galeguistas, creándose no 1950 o selo editorial Galaxia.
Segundo apuntan os autores, unha nova xeración de mozos nacionalistas apoiados polos vellos exiliados daría lugar no 1963 ao que se daría en chamar Consello da Mocidade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950, e a súa obra central Sempre en Galiza. O Consello da Mocidade tería como presidente ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.
Respecto á exposición que hoxe se clausura e o libro que hoxe se presenta sobre o rexurdir do nacionalismo galego, Mario Outeiro fixo fincapé na “necesidade de informar sobre o proceso que dá orixe, o desenvolvemento e a xestión posterior dos sucesos do Consello, porque implica necesariamente situar no debate os principios reitores que informan da proposta nacionalista, unha proposta aberta a lecturas diversas e plurais, pero no que non fican dúbidas naquelo que aparece no cerne da proposta cando afirmaban a asociación entre soberanía e nacionalismo e, por suposto, a consideración de Galiza, en tanto nación, como suxeito de dereitos políticos”.