Os socialistas da Mariña instan á Xunta de Galicia a habilitar unha partida económica específica que permita actuar con celeridade ante os desperfectos que poidan ocasionarse na zona cos temporais de choiva e vento. Os representantes do PSOE fan esta petición logo dos danos ocasionados polas fortes rachas no colexio público Pedro Caselles Rollán de Xove esta mesma semana.
Para o socialistas, a reparación urxente da cuberta do centro educativo é unha cuestión de extraordinaria importancia, pois consideran que a actuación do Gobeno galego –a instalación dunha loina- é un parche”. Neste senso, subliñan que “a obriga da Xunta é antepoñerse a este tipo de situacións, pois de nada serve botarse as mans á cabeza cando o dano xa está feito”. Por este motivo, esixen “unha maior previsión” porque “sempre imos detrás”, e solicitan que “se nos dé o mesmo trato que a outras zonas”. É o caso, lembran, do suceso acontecido recentemente en Muxía. “Resulta que para o santuario Feijóo dixo textualmente que se ía arranxar custase o que custase. A nós parécenos ben, pero cremos que A Mariña tamén merece unha atención específica”.
Caso de Xove
Por iso, demandan que o Executivo arranxe “coa máxima celeridade posible” os desperfectos ocasionados polo temporal de Reis no colexio, xa que a lona instalada non é un elemento suficiente para garantir a seguridade dos docentes e dos alumnos.
A intensidade do vento arrancou practicamente toda a cuberta do centro. Tal é así, que as as fortes rachas provocaron o levantamento das chapas, caendo boa parte delas no patio, e a rutura da vaia que separa o colexio do instituto público. “Os máis de 170 alumnos incorporáronse no día de onte ás clases, cun teito provisional. Non pode ser que os pequenos estén indo ó colexio nestas condicións. Non só é a cuberta senón que é moi probable que se filtre a auga por ela, o que pon en grave risco a seguridade e incluso a saúde dos rapaces e a dos seus mestres. Agardamos que a Xunta escoite a nosa demanda”, afirman.