Ribadeo, 9 de xaneiro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, recolleu este xoves na Coruña na sede do Arquivo do Reino de Galicia os preto de 40 libros dos séculos XVI ao XIX que foran remitidos desde o Concello para a súa restauración hai uns trinta anos. Os exemplares, moitos libros de actas, depositaranse na Secretaría Xeral do Concello e estarán a disposición daqueles estudosos que queiran coñecer un pouco máis da historia de Ribadeo.
Suárez Barcia explicou que “por fin xa está en poder do Concello de Ribadeo toda esta documentación histórica que hai uns 30 anos o noso Concello lle remitiu ao Arquivo Histórico de Galicia para proceder á súa restauración, dado que se atopaban en moi mal estado de conservación. Agora por fin teremos estes libros de actas que van desde o século XVI ata o XIX, hai tamén libros relacionados co porto comercial de Ribadeo e unha serie de documentación histórica que seguro fará as delicias de moitos historiadores e de xente que quere coñecer máis do noso pasado”. O rexedor lembrou que “Ribadeo non é unha entelequia que se creara hai cen anos, senón que ten unha grande historia e esa historia documentada é a que non se debe perder e é a que todos estes restauradores estiveron a facer”.
O alcalde ribadense engadiu que “agora estes libros pasarán a formar parte do arquivo histórico do Concello de Ribadeo, e poderán estar a disposición, con todas as cautelas necesarias, daquelas persoas que, polo seu coñecemento histórico ou pola súa cuestión de investigación, queiran interpretar, ler e saber un pouco máis da nosa historia”.
Fernando Suárez anunciou que “desde o Concello tentaremos iniciar un trámite de dixitalización para que toda esta información poida estar ao alcance de todos e ao mesmo tempo que sirva para que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan saber un pouco máis da historia pasada ou incluso remota, nalgúns casos, do noso concello”.