Ribadeo, 9 de xaneiro de 2014. Ata o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, poderase ver na tenda bar Amodiño, de Ribadeo, a exposición do artista barreirense Celso Dourado Verdegando, eloxio ao verde. A mostra inaugurouse o pasado 21 de decembro e está a recibir ducias de visitas.
Dourado lembra que “a exposición titúlase Verdegando, eloxio ao verde. É unha serie que eu fixen ao longo do tempo, sobre todo nestes últimos anos, que combina un pouco o humano co vexetal. Está tratado dunha forma moi surreal e realmente é un resultado bastante apetitoso. Prima sobre todo a cor verde, xa que a idea ía por aí. Esta exposición creo que encaixa ben neste tipo de espazo, que, para as persoas que non o coñezan, hai que comentar que é un bar tenda onde se venden produtos ecolóxicos. A apertura da exposición estará condicionada ao horario do establecemento, que abre tanto pola mañá como pola tarde-noite”.
A tenda bar Amodiño está no casco vello de Ribadeo, concretamente no número 8 da rúa Amando Pérez.
Verdegando, eloxio ao verde péchase o vindeiro domingo, 12 de xaneiro.