Lourenzá, 8 de xaneiro de 2014. O grupo de teatro infantil de Lourenzá representará de novo a obra TeleLourenzá o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, ás 18 horas no salón de actos do Concello. Esta nova posta en escena está dirixida ás persoas que quedaron sen vela o pasado 5 de xaneiro, segundo explicou esta mañá a concelleira de Cultura, Lupe Flórez.
A edil popular contou que “os nenos do grupo de teatro infantil van repetir a peza teatral que estrearon o pasado domingo, 5 de xaneiro, ante o éxito de público acadado. Este grupo de teatro infantil de Lourenzá, que naceu hai aproximadamente uns 10 meses froito dunhas reunións iniciais con nenos e xoves de Lourenzá aos que se citou coa idea de crear un grupo de teatro a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, crearon unha peza teatral titulada TeleLourenzá, que estrearon despois da cabalgata do pasado domingo”.
Lupez Flórez dixo que “ante o éxito de público, que desbordou o salón de actos, quedando moita xente fora sen poder ver a peza teatral e despois de consensualo cos nenos, que son os protagonistas do evento, decidimos repetila o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, ás 18 horas no salón de actos do Concello de Lourenzá para que todas aquelas persoas que non tiveron oportunidade de velos na súa estrea poidan disfrutar agora desa peza teatral”.
A concelleira de Cultura tivo palabras de agradecemento “expresamente a Pepe Peinó, autor do libreto que orixinariamente se denominaba TeleValadouro, e que a técnico de Cultura local, Mª José López, que é a encargada dos ensaios deste grupo de teatro infantil, reconverteu e TeleLourenzá para adaptalo á realidade do noso pobo”.
Flórez convida “a todas aquelas persoas que o outro día non puideron ver esta obra de teatro a que se acheguen a vela este vindeiro domingo ás seis da tarde. Desde o Concello pretendemos que non se quede nunha mera experiencia puntual, senón que teña continuidade, manténdose os integrantes do mesmo, que son unha ducia de rapaces na actualidade, e que chegue a ampliarse o número de integrantes desta pequena compañía teatral. Somos conscientes do gusto que polo teatro hai en Lourenzá, podemos dicir que fiel a todas as representacións teatrais que a través de distintos ciclos se fan ao longo do ano, tanto dos de Buxiganga que soen ser en novembro, como aquelas representacións puntuais que se fan en distintas épocas do ano, caso destas datas de Nadal onde a asociación Conde Santo, que a nivel local organiza diferentes festexos e eventos, puxeron en escea a obra Alí ven teu pai, que ante o éxito de público que desbordou o salón de actos tiveron que representar tres veces durante estas datas de Nadal”.