Lugo, 8 de xaneiro de 2014. O delegado de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou, este mércores, na presentación do II Campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil ‘D3mobile Metrology World League 2014’, unha proba tecnolóxica posta en marcha polo Grupo de Investigación para a Documentación en 3D da USC (USCAN3) e que conta co apoio da institución provincial, entre outras entidades.
Esta iniciativa, dirixida a alumnos de 4º da ESO e Bacharelato, ten como principal obxectivo estimular a capacidade investigadora de estudantes participantes, a través do uso dun instrumental co que, a día de hoxe, todos están moi familiarizados: o teléfono móbil e o ordenador persoal.
Neste sentido, Mario Outeiro destacou “a importancia que ten este campionato en canto achega ás rapazas e rapaces á tecnoloxía e que permitirá, en certa forma, contrarrestar os efectos negativos que trae consigo a LOMCE nesta materia, restando horas lectivas dedicadas á tecnoloxía tanto na Educación Secundaria como no Bacharelato”.
Os equipos participantes, que poderán inscribirse ata o vindeiro 31 de xaneiro, terán que realizar tres probas nas que amosarán as súas destrezas á hora de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual.
Para a competición, que se desenvolverá completamente on-line, os alumnos deberán aprender, coa guía de algún dos seus profesores e profesoras e o software que se lles proporcionará, a técnica fotogramétrica básica, unha metodoloxía que con apenas dúas tardes de estudo lles permitirá facer modelos tridimensionais a escala de obxectos sinxelos.