Cervo, 27 de decembro de 2013- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, reuníronse con membros da directiva da asociación de veciños do Burgo de Trasbar. Unha xuntanza na que anunciaron que o Concello asumirá as obras de ampliación do local social de Trasbar con fondos propios municipais, que terán un custo de 25.000 euros.
Os traballos arrincarán a principios de xaneiro e inclúen o incremento da superficie útil do inmoble co obxectivo de que “os veciños e usuarios dispoñan de máis espazo para levar a cabo as súas actividades”, explica Soto. En concreto, ao remate das obras, o local contará con 5 metros máis de longo e, en total, cuns 30 metros cadrados máis de superficie útil. Deste xeito a sala de reunións, a máis beneficiada por este aumento, pasará a ter 74 metros cadrados, aos que hai que sumar as superficies dos aseos e do almacén, ata chegar a un total de case 100 metros cadrados.
Os traballos inclúen tamén a instalación dun sistema de calefacción de leña que os veciños se ocuparán de poñer en funcionamento segundo as súas necesidades “e que permite aforrar en gasto de enerxía eléctrica” engade o edil de Zona Rural.
Unhas obras, as do local social de Trasbar, que se unen ás que xa acometeu o Concello nas escolas de Rúa, onde foi renovada a instalación eléctrica, ampliando a potencia dispoñible. Nese caso o obxectivo tamén era adaptar as características do inmoble ás necesidades das asociacións que o utilizan e, desta maneira, facilitar a posta en marcha de actividades, tanto as de continuidade como novas iniciativas.
O responsable de Zona Rural asegura que, en todos os casos, o Concello pretende potenciar a actividade das asociacións e entidades do municipio, dándolles apoio para manterse activas e que “continúen facendo ese labor de dinamización da vida social tan valiosa e imprescindible pola que sempre apostamos”, remata Soto.