Lugo, 27 de decembro de 2013. O BNG de Lugo saíu á rúa este venres para levar a cabo unha campaña de reparto de información na defensa do pequeno comercio local e de proximidade e os produtos galegos. Con esta iniciativa o BNG pretende espertar entre a cidadanía a importancia de realizar as compras nos estabelecementos locais do pequeno e mediano comercio e a compra de produtos galegos. Nesta campaña de reparto informativo participaron os concelleiros do BNG de Lugo, así como o responsábel local do BNG en Lugo, Álex Penas, e a responsábel comarcal do BNG en Lugo, Esther López, xunto a militantes e simpatizantes nacionalistas.
O BNG considera o comercio de proximidade un sector básico da economía nacional, e nesta liña o responsábel local do BNG en Lugo afirmou que “nestes momentos o sector está ameazado de peche definitivo porque as políticas económicas e fiscais regresivas do PP provocan unha grave crise na demanda, ao que hai que acrecentar as medidas de liberalización comercial que se aproban en Madrid e que o Goberno de Feijoo asume e aplica. Esta situación levou a un grave desequilibrio no sector comercial, con saturación na oferta pola acelerada expansión de grandes superficies”.
Diante desta situación, tal e como defendeu o responsábel local do BNG en Lugo, “temos claro que as medidas a defender pasan por esixirmos unha moratoria para a implantación de grandes superficies comerciais que compiten en réxime de desigualdade de condicións e horarios fronte ao pequeno comercio. A Xunta debera incentivar a compra de produtos locais e galegos, e promover axudas para implantar ou mellorar estabelecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos. Xa en perspectiva máis ampla, recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais e aplicar planos coordinados de promoción do turismo e do comercio urbano de proximidade repercutiría na creación de postos de traballo de calidade, non sometidos á explotación laboral das grandes cadeas comerciais que presentan peores condicións laborais para o traballador ou traballadora que o pequeno comercio”.
As medidas aplicadas polos gobernos do PP como a subida xeral do IVA do 18% ao 21%, ou a aplicación do horario comercial de 72 a 92 horas semanais, denunciadas polas federacións de comercio e polo Foro Galego do Comercio, están afogando ao pequeno comercio e provocando un peche masivo de locais. “As políticas do PP consisten en poñer todas as facilidades para que as grandes superficies comerciais, que non deixan os seus impostos ni en Galiza ni en España, se implante e despracen ao comercio galego. Neste momento ha un millón de metros cadrados de grandes superficies asentadas en territorio galego, unha cifra insoportable para a nosa economía” – rematou Álex Penas.