- A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo fixo este mércores entrega de diplomas para os participantes que asistiron ao curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo, patrocinado pola Deputación, que nesta edición tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba
No acto ligado a esta formación, que rematou hoxe e deu comezo o pasado 11 de novembro, estiveron o presidente da Apehl, Cheché Real; o director do Instituto Galego do Viño (Ingavi), centro responsable da formación, Xoán Cannas, e a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este martes as instalacións do Roq Park, en Viveiro, que acolleron nas últimas semanas as xornadas de promoción de carreiras de orientación no marco do programa de deporte escolar “Xogade” da Xunta de Galicia
Na iniciativa participaron arredor de 500 rapaces e rapazas de secundaria de oito institutos da Mariña. Arias destacou a posibilidade que supuxo para o alumnado poder achegarse a esta modalidade deportiva e agradeceu “a colaboración continuada que prestan neste tipo de actividades”.
- Discosta Norte organizou o 2º Campionato de coctelería da Mariña e as Xornadas da hostalería
Celebráronse no CFEA Pedro Murias. O programa incluiu tamén showcookings, presentacións e interesantes charlas como a ofrecida este martes sobre a posible produción de viño na Mariña.
- Noso, de Náufragos Teatro, este sábado no Pastor Díaz de Viveiro
Unha obra contemporánea orientada a público adulto. Venda de entradas: de luns a xoves, no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es, e tamén na taquilla do teatro 1 hora antes da función.
- Taller de foto de luz negra impartido esta fin de semana por Diana Fajardo na Casa da Cultura en San Cibrao
Estivo enmarcado dentro dos actos do 25N. Tamén foi unha xornada na que crearon e tiraron de imaxinación co violeta como protagonista, cor símbolo da loita contra a violencia de xénero.
- O pasado 15 de novembro celebrouse unha cea para homenaxear pola súa xubilación a Beatriz Lloret Sancho, quen durante máis de 30 anos desempeñou o posto de Enfermeira e subdirectora na Residencia de Maiores de Burela, dependente da Xunta de Galicia
Previamente traballou no Hospital de Burela. Beatriz, ainda que orixinaria da Coruña asentouse na Mariña cando veu a traballar a Burela, onde formou a sua familia e onde finalmente se xubilou. A cea foi no Hotel restaurante Nordés, á que asistiron 60 persoas. Recibiu agasallos nos que participaron máis de 100 persoas que coincidiron con ela na Residencia de Maiores de Burela. Deixa unha enorme pegada pola sua labor profesional e humana.
- Charla sobre poder e medios de comunicación en Ribadeo
A A.C. Francisco Lanza organiza este venres, 29 de novembro ás 20.30h, na Casa do Viejo Pancho, unha charla coloquio sobre a situación dos medios de comunicación e as relacións destes co poder. Estará impartida por Luis Álvarez Pousa, director da revista "Tempos Novos" e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Presentará o acto, Farruco Graña, presidente da ACFL.