SANTIAGO .- O Parlamento de Galicia reclamará ao Ministerio do Interior “dotar de efectivos policiais suficientes á sede da Garda Civil do Mar de Viveiro”. O acordo tomouse “no seo da Comisión Institucional do Parlamento de Galicia celebrada na mañá de hoxe” cos votos do PP, indica o parlamentario José Manuel Balseiro.
NOTA DE PRENSA
Jose Manuel Balseiro promoveu este acordo parlamentario que ten por obxecto reforzar a petición que a Xunta de Galicia dirixirá ao Goberno socialista de Zapatero instándolle a destinar persoal técnico, administrativo e axentes en número suficiente para o correcto funcionamento do servizo
O PARLAMENTO DE GALICIA RECLAMA A INTERIOR QUE DOTE DE EFECTIVOS SUFICIENTES Á SEDE DA GARDA CIVIL DO MAR QUE OPERA NA MARIÑA LUCENSE
• Un incumprimento máis de Zapatero coa nosa comarca: Balseiro Orol lembrou que en outubro de 2005 o por entonces subdelegado de Goberno en Lugo anunciou que dotaría de 30 efectivos á sede que o SASEMAR ten no porto deportivo de Viveiro.
• Instalacións baleiras e sen uso: Catro anos despois de terse construída o Ministerio do Interior non estar a facer uso das instalacións sitas no porto deportivo de Viveiro.
A Mariña, 17 de xuño de 2009.- A reclamación que ten por obxecto forzar ao Ministerio do Interior a dotar de efectivos policiais suficientes á sede da Garda Civil do Mar de Viveiro -despois de que leve catro anos construída pero sen servizo- conta xa con novo apoio. No seo da Comisión Institucional do Parlamento de Galicia celebrada na mañá de hoxe os votos do Partido Popular permitiron que prosperara unha iniciativa do deputado mariñán Jose Manuel Balseiro a través da que se insta ao Goberno central a destinar persoal técnico, administrativo e axentes en número suficiente a estas instalacións de tal xeito que, o servizo marítimo da Benemérita, chamado a operar nas costas da Mariña lucense, poida entrar en funcionamento sen máis dilación.
O deputado popular lembrou que a devandita petición formal da Cámara autonómica ten por obxecto reforzar as xestións que están a desenvolver os novos xestores da Xunta de Galicia perante o Executivo de Zapatero. Nas pasadas datas e tamén en resposta a unha iniciativa do PPdeG, o director xeral de Relacións Parlamentarias, Roberto Castro, confirmou que o novo Goberno de Galicia cursará unha queixa formal ante o Ministerio do Interior polo esquecemento dun servizo chamado a ofrecer seguridade e vixilancia na área marítima do litoral norte galego.
Balseiro insistiu en que estamos ante un máis que flagrante incumprimento do Goberno socialista de Zapatero xa que, en outubro de 2005 o por entonces subdelegado de Goberno en Lugo, Jesús Otero, anunciou que dotaría de 30 efectivos estas instalacións que o servizo marítimo da Garda Civil ten no porto deportivo de Viveiro. Ata o momento esta promesa non se levou adiante, malia que agora esperan que o Goberno central cumpra este mandato Parlamentario.
ABSTENCIÓN DO BNG E PSOE
Nin socialistas, nin nacionalistas quixeron ofrecer o seu apoio a este acordo parlamentario que, en todo caso, logrou prosperar grazas aos votos dos deputados do Grupo Popular. Balseiro interpreta que os socialistas se ven incapaces de recoñecer un erro do Goberno de Zapatero e, polo tanto, renuncian a defender os intereses dos veciños e veciñas da Mariña. “Deben saber que o PSOE atende sen ningún tipo de autocrítica as ordes que lles mandan desde Madrid sen importarlles que a falta de efectivos reduza dun xeito significativo a seguridade das nosas costas”.Neste senso, Balseiro empraza ao PSOE a explicar se avala o comportamento do Ministerio do Interior que pese a dispoñer das instalacións oportunas non está a facer uso delas.
Tampouco os nacionalistas deron o seu voto favorable á iniciativa do PPdeG, neste caso xustificando a súa abstención coa presentación dunha emenda a través da que reclamaban que a Xunta asuma as competencias de seguridade e vixilancia marítima hoxe en mans do Executivo central. “Os nacionalistas pretenden que un corpo non policial como son os Gardacostas de Galicia, que se limita a facer funcións de inspección e vixilancia dos recursos pesqueiros e marisqueiros, substitúan á Garda Civil e aos efectivos policiais nestas funcións. “Unha posición bastante curiosa xa que, cando desde o PP na pasada lexislatura reclamábamos que Gardacostas de Galicia e policía fixeran patrullas conxuntas para loitar contra o furtivismo eles o negaban. Esta claro que estamos ante unha escusa. Ante unha fuxida adiante do BNG para ocultar que unha vez máis son servís ante o Goberno socialista de Madrid os aliados ideais do PSOE para ocultar os erros de Zapatero”.- concluíu Balseiro