Trasbar, 29 de outubro de 2013.- A Asociación de veciños do burgo de Trasbar vén de organizar un taller de risoterapia que vai dirixido ao público en xeral, sempre que sexan maiores de 16 anos.
A terapia da risa é unha técnica psicoterapéutica que consiste na práctica de rir para aproveitar os moitos beneficios anímicos e de saúde. É pois un complemento ás terapias tradicionais que se asenta sobre catro piares básicos: risa e sorriso, ximnasia da risa, bo sentido do humor e pensamentos positivos.
As emocións positivas podemos canalizalas cara á prevención, o tratamento e o afrontamento transformándoas en armas que se nos axuden a resolver problemas relacionados co crecemento persoal e o desenvolvemento, sobrepoñéndonos aos momentos difíciles e saíndo fortalecidos deles, obtendo así unha mellor calidade de vida.
Asistir a un taller destas características é moi beneficioso para o organismo. Falamos de beneficios físicos (exercicio, masaxe, limpeza, osixenación, analxésico…), psicolóxicos (elimina o estrés, alivia a depresión, mellora a autoestima…) e sociais (carácter contaxioso, mellora das relacións interpersoais…).
Desenvolvemento do taller.
O taller de risoterapia comezará o vindeiro martes, día 5 de novembro e terá lugar no Local social de Trasbar todos os martes ás 19.30 h, durante tres meses.
A sesión completa do taller da risa consta de seis partes coas que se garante o bo desenvolvemento da actividade.
A primeira fase é a introdución teórica e o enfoque da sesión, na que se introducen os conceptos básicos da risa, dos seus beneficios e dos obxectivos establecidos. A segunda fase é de quentamento e desbloqueo, para relaxar a mente e quentar o corpo e entrar de cheo nas dinámicas e os xogos que culminan na ximnasia da risa, onde a risa e a gargallada cobran protagonismo, dando paso a unha fase de interiorización e relaxación. Rematamos o taller coa fase de avaliación e peche.
Xa que moitas das fases van ter lugar no chan, recomendamos ás persoas que asistan que vaian provistos de roupa cómoda, zapatillas e unha esteira, unha toalla ou un coxín.
Lugar e prazo de inscrición
Este taller está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que teñan ganas ou necesidade de rir. Poderán inscribirse no Local social de Trasbar ou a través do correo electrónico da Asociación (burgodetrasbar@yahoo.es). O prazo de inscrición remata o vindeiro domingo, día 3 de novembro.
O prezo para os socios é de 10 € ao mes e para non socios 15 € ao mes.