CERVO .- O goberno municipal promoverá a modificación da clasificación do solo na zona na que se ubica o asentamento orixinario de Lieiro de tal xeito que, o que antes estaba clasificado como solo urbanizable sen desenvolver, e polo tanto, que se lle aplicaban as normativas relativas ao solo rústico, pase a ser solo de núcleo rural.
Nota de Prensa
O Alcalde xestionou ante Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Territorio a axilización dos trámites previos á aprobación inicial da devandita modificación
CERVO PROMOVE EN INTERESE DOS VECIÑOS A MODIFICACIÓN DA CLASIFICACIÓN DO SOLO NA ZONA NA QUE SE UBICA O ASENTAMENTO ORIXINARIO DE LIEIRO
• O que antes estaba clasificado como solo urbanizable sen desenvolver e, polo tanto, que se lle aplicaba o réxime xurídico do solo rústico, pasará a ser solo de núcleo rural.
• A modificación favorecerá aos veciños xa que adecuará a normativa vixente á realidade existente, un núcleo de poboación con vivendas asentadas desde fai máis de 40 anos.
• Facilitará tamén os trámites necesarios para que os veciños poidan facer pequenas reparacións nos seus fogares ou novas construcións
Cervo, 10 de xuño de 2009.- O Goberno municipal promoverá en interese dos veciños a modificación da clasificación do solo na zona na que se ubica o asentamento orixinario de Lieiro. O Concello de Cervo traballa co obxecto de facer efectiva unha modificación puntual do planeamento municipal –actualmente regulamentado por normas subsidiarias- de tal xeito que, o que antes estaba clasificado como solo urbanizable sen desenvolver, e polo tanto, que se lle aplicaban as normativas relativas ao solo rústico, pase a ser solo de núcleo rural.
O Alcalde Alfonso Villares explicou que a medida favorecerá aos veciños xa que servirá para adecuar a normativa que se lles aplica aos seus terreos á realidade existente, isto é a un espazo onde hai un importante núcleo de vivendas en moitos casos, con máis de 40 anos de antigüidade. Ademais facilitará os trámites que deben seguir os propietarios desas casas para solicitar permisos, facer pequenas obras ou reparacións nas súas vivendas e novas construcións.
O rexedor municipal xestionou ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que dirixe o lucense Justo de Benito a axilización dos trámites administrativos previos á aprobación inicial da devandita modificación puntual do planeamento. Xa fai máis dun ano que Alfonso Villares mantivo unha xuntanza cos veciños de Leiro para explicarlles a idoneidade e beneficios desta modificación, pero ata o momento non estaba a ser tramitado coa celeridade necesaria desde a Administración autonómica. Grazas a esta xestión o Alcalde espera que os novos responsables da Xunta poidan darlle certa prioridade a esta asunto.
PXOM
Por outra banda, o primeiro edil de Cervo, Alfonso Villares explicou ademais que este cambio na clasificación do solo no núcleo de Lieiro servirá para facilitar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que é o instrumento que ten por obxecto garantir e favorecer o desenvolvemento sostible e equilibrado do urbanismo na zona da que se trate.