A Consellería de Educación enviou unha circular ás inspeccións provinciais coa instrución de agrupar nunha soia aula os alumnos de varios cursos. Segundo os sindicatos isto suporía a redución de 200 unidades escolares en toda Galicia. Uns días despois a Consellería prometeu aos sindicatos que se terían en contas casos especiais e que a redución sería menor. Hoxe publícase no DOG as prazas que xa non saíran no concurso de traslados; concurso que previsiblemente saíra despois das eleccións europeas, e, posiblemente, en setembro verase a magnitude do recorte nos dereitos educativos para os nenos e nenas do rural.
Esta decisión suporía para as zonas rurais unha tremenda redución dos servizos educativos e influiría de forma determinante para aumentar o seu despoboamento. Xa que as familias terían que aproximarse ás cidades para que os seu fillos poidan exercer o dereito democrático e constitucional dunha educación de calidade. Privaríase os alumnos da liberdade de elección e crearíase unha inxusta discriminación entre os nenos do rural e os das zonas urbanas. ¿Como se compaxinará isto coa posibilidade de elección de lingua para o ensino? ¿Ou é que ese dereito só o poderán exercer os señoritos das vilas e cidades?. Outra vez as vítimas sempre son os máis necesitados.
Por outra banda redúcense drasticamente os postos de traballo no ensino, apartándonos cada día máis dos obxectivos propostos pola OCDE e as recomendacións dos informes PISA. Isto supón que o futuro da educación en Galicia distanciase cada día máis dos modelos europeos.
Este tipo de iniciativas poñen ás claras, coa forza dos feitos, cal é o plan de aforro de Feijoo: sacarlle aos pobres para darllelo aos ricos. Porque mentres se dan axudas multimillonarias para mercar coches, e para domesticar a prensa; ou se lle regalan 2,2 millóns de euros ao home máis rico do mundo, é dicir a Bill Gates; pola contra racanease axudas para os gandeiros, fálase de privatizar a sanidade e redúcense gastos en educación. ¿Saben que cos millóns de euros que se lle regala a Microsoft e á prensa poderíanse manter as unidades educativas que se van pechar durante anos?
Un caso paradigmático en A Mariña é o de Cervo. Un concello que leva máis de dez anos perdendo poboación e agora preténdese reducir catro unidades no conxunto dos colexios do municipio e posiblemente a reunificación dos dous colexios de San Cibrao a cambio de terreos urbanizables. Deste xeito o concello deixa de ser atractivo por falta de servizos sociais básicos axeitados e haberá un transvase de habitantes cara os concellos veciños.
En calquera dos casos haberá que ver cal vai ser a posicións dos diferentes partidos e organizacións sociais para reclamar dereitos como cidadáns de primeira. E tamén haberá que observar as actitudes que toman os diferentes alcaldes, tendo que decidir entre a defensa do ben común para todos os veciños ou os intereses partidistas e particulares de cada un deles.
Di o Evanxeo que “polos feitos habédelos coñecer”. Na campaña electoral houbo moitas promesas e moita demagoxia. Agora é o tempo das realidades, que “unha cousa é falar e outra dar trigo”.