Segundo o BNG, “o documento inicial do PXOM de Barreiros presentado para informe ambiental da Xunta de Galiza vén a validar as posicións mantidas pola nosa formación nestes anos, xa que recoñece explicitamente que se produciu en Barreiros un crecemento urbanístico desproporcionado e á marxe do planeamento.”
É a propia documentación presentada a que parte desas afirmacións, recollendo literalmente que compre dicir que a problemática urbanística de barreiros reside nun incremento da edificación desproporcionado en relación coa poboación existente e coa evolución demográfica e as expectativas de crecemento. Este incremento foi debido á existencia dunha demanda (…) pero que non resolveu simultaneamente a execución das infraestruturas requeridas para o incremento producido.
No mesmo sentido, na documentación complementaria que se presentou, recollen literalmente que esta actividade inmobiliaria, nalgunhas situacións foi ao marxe do planeamento, e noutras con dúbidas respecto da condición de solo urbano consolidado ou non consolidado.
Os nacionalistas lamentan que “agora, sete anos despois da desfeita urbanística que asolou Barreiros, o Alcalde se acorde de que as vivendas unifamiliares teñen menor impacto visual e non se decantara pola ordenación das edificacións en pleno boom urbanístico.” Aseguran tamén desde o BNG que agardan que “ao Alcalde non lle entre agora a présa por ordear cando non se preocupou desde que chegou ao goberno e cando era moito máis necesario. Por iso, agardamos que se tomen o tempo preciso para que este PXOM sexa un instrumento útil e adaptado ás necesidades das e dos barreirenses e non unha chapuza para tapar a súa incapacidade á fronte da xestión urbanística do concello.”
Por outro lado desde o BNG tamén afirman que se aledan, “dentro do malo e tendo en conta que este documento marcará previsiblemente o futuro urbanístico do concello, de que tamén un dos redactores do plan e asinante co Concello hai tres anos, cambiara a súa perspectiva sobre a política urbanística do concello de Barreiros.” Refírense os nacionalistas barreirenses a Ramón Martínez Gómez, que forma parte do equipo redactor do plan e foi a persoa que apareceu publicamente co Alcalde no acto de sinatura da contratación do PXOM en febreiro de 2010 e que anteriormente fora portavoz do Partido Popular en Foz e se manifestara en apoio á política urbanística de Alfonso Fuente en decembro de 2006.
Os nacionalistas afirman tamén que “durante a tramitación do plan haberá que estar vixiantes para que, pola vía dos feitos, non se utilice este planeamento para legalizar as edificacións ilegais e, con iso, se perxudique ao conxunto da veciñanza reducindo a bolsa de solo urbano. Esto pode ter especial incidencia na zona interior do concello, onde parece que se pretende xustificar unha imposibilidade de incrementar solo de núcleo rural pola súa actividade agraria.” Os nacionalistas aseguran que “estas cuestións non son incompatibles e non imos permitir que volvan rirse das veciñas e veciños con medias verdades e medias mentiras.”