Burela, 21 de agosto de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, espera repetir actividades do tipo de Mergúllate no océano, organizados polo Campus do Mar, debido á gran acollida que está tendo entre a poboación. Esta mañá centos de persoas pasaron por esta exposición.
González Barcia explicou que “Mergúllate no océano, organizada pola Universidade de Vigo xunto co Concello de Burela, está tendo moi boa acollida entre a poboación, fundamentalmente entre a infantil, porque permite achegar unha serie de actividades ós pequenos para que coñezan máis a fondo como son os nosos mares e as nosas costas, e un pouquiño fixar pautas de conduta nas persoas, neste caso nos nenos, para que adopten posturas responsables co medio ambiente e co coidado do entorno”.
O rexedor sinalou que “estamos dispostos a continuar organizando actividades deste tipo a través da Concellería do Mar e a verdade é que esperamos e confiamos repetir experiencias coa Universidade de Vigo exactamente igual ca esta porque entendemos que lle dan realce ó que é a propia educación ambiental e tamén serven para encher un oco dentro das actividades que, durante o verán, organiza o Concello de Burela”.
José Mª González Barcia reiterou que “haberá máis actividades do Campus do Mar en Burela, debido ao compromiso que acadamos o seu director, Emilio Fernández, e máis eu”.
Mergúllate no océano estará en Burela ata mañá pola tarde.