A Mariña, 20 de agosto de 2013. 819 mariñáns beneficiaranse das axudas aprobadas pola Vicepresidencia da Deputación Provincial e destinadas a financiar os gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico correspondentes a anualidade 2013. Todos os concellos da Mariña recibirán estas axudas que foron concedidas en base a criterios obxectivos nunha mesa técnica formada por funcionarios e representantes dos tres grupos políticos con representación na institución e que supoñen un investimento de máis de 220.000 euros para a comarca.
Grazas a esta liña de subvencións, os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar básico poderán seguir sendo atendidos despois de que, un ano máis, o Goberno galego, deixara á marxe do convenio de Servizos Sociais e Comunitarios á provincia de Lugo tras negarse a negociar a súa cofinanciación con esta Deputación. Deste xeito, de forma reiterada, os concellos con menos de 20.000 habitantes volven quedar discriminados, sendo privados de servizos sociais e comunitarios, básicos para centos de persoas.
Fronte ao Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, que se dedican a aprobar políticas que dinamitan os dereitos da poboación e en especial dos veciños e veciñas do rural galego, desde a Vicepresidencia da Deputación estase a demostrar que en época de crise tamén é posíbel facer políticas sociais destinadas aos colectivos máis desfavorecidos. Un ano máis, os usuarios do Servizo de Teleasistencia da Mariña recibirán cero euros do Goberno galego e e máis de 224.935 da institución provincial.
Con esta medida, non só se garante a continuidade da prestación do Servizo de Axuda no Fogar básico e se evita que o custe recaia nos usuarios e usuarias, senón que tamén se garante o emprego de centos de persoas, un total de 2.000 en toda a provincia de Lugo. Apostar polas políticas sociais é, tamén, apostar polo mantemento e a creación de emprego; a economía de benestar debe ser unha das vías para superar o momento económico actual.
Aprobación de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica para a anualidade 2013 na comarca da Mariña.
CONCELLO | SUBVENCIÓN | ESTIMACIÓN USUARIOS/AS PARA 2013 |
ALFOZ | 7.352 | 44 |
BAREIROS | 8.235 | 62 |
BURELA | 16.790 | 41 |
CERVO | 4.737 | 21 |
FOZ | 6.618 | 33 |
LOURENZÁ | 5.618 | 36 |
MONDOÑEDO | 16.183 | 58 |
MURAS | 7.254 | 26 |
OUROL | 9.345 | 28 |
A PONTENOVA | 1.774 | 9 |
RIBADEO | 21.575 | 87 |
RIOTORTO | 13.861 | 20 |
TRABADA | 8.661 | 18 |
O VALADOURO | 7.918 | 51 |
O VICEDO | 8.485 | 32 |
VIVEIRO | 40.457 | 145 |
XOVE | 40.868 | 108 |
TOTAL | 224.935 | 819 |