RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, recoñece “o éxito que supuxeron estes actos que se levaron adiante en Ribadeo, na vila o sábado e na Ponte en Arante o domingo. Actos que conmemoran o bicentenario daquela batalla protagonizada por tropas de Napoleón, por un destacamento de militares ao mando do xeneral Fournier con veciños de parroquias de Ribadeo e Trabada”.
Suárez Barcia sinala que “estes actos que se desenvolveron no Forte de San Damián, no parque de San Francisco e na Ponte en Arante con membros de diversas asociacións napoleónicas da Coruña, de Monte Sampaio, de Lugo, de León tamén, e xente que estaba ataviada con vestimenta da época como se foran os propios veciños de Ribadeo e de Trabada que lle deron un escarmento ás forzas napoleónicas. Creo que, como dixemos onte no momento de descubrir unha pLaca onde tamén estaban autoridades do Concello de Trabada principiando polo seu alcalde, de que o motivo era de celebración de felicitármonos todos pola actitude heroica dos nosos devanceiros que xunto cos de Trabada fixeron fronte ao invasor e en ocasións coma esta tamén miramos á historia para sacar conclusións”.
O rexedor pensa que “estas actividades que se levaron adiante quizais puideran servir en futuros anos para que esto non quedase nun pequeno evento neste 2009, senón que de aquí en diante poidan ter continuidade. Ribadeo ten elementos coma a figura do Marqués de Sargadelos que naquel momento hai tamén uns 200 anos foi axustizado por considerarse afrancesado cando realmente non era máis que un adiantado do seu tempo. Temos esa figura, temos o Forte de San Damián, un lugar emblemático, e temos esta batalla da Ponte de Arante e con estes 3 elementos quizais Ribadeo puidera de aquí en diante avaliar si hai resposta popular que nos axude a organizar algún evento para o ano que ven e sucesivos”.
Fernando Suárez agradece a colaboración prestada para levar adiante esta recreación polo Xacobeo, a Deputación de Lugo e a Fundación A Mariña Oriental.