A portería do Burela FS Pescados Rubén contará esta tempada cun novo aliado, Alejandro González Pérez, que chega a terras mariñás procedente do Santiago Futsal. O presidente, Manuel Blanco, e o directivo Ángel Fernández acompañaron a Alex na súa presentación oficial na sede do club burelés.
O meta madrileño afronta este cambio “cunha enorme ilusión e convencido que podemos realizar unha brillante tempada xa que ademais do potencial deportivo, o grupo reúne unha excelente calidade humana”. O guardameta laranxa decantouse pola oferta burelesa “principalmente por tres motivos; a seriedade do CD Burela FS, a presenza de Juanlu e a afección burelesa que é un privilexio xogar para eles”. Alex cualificou o proxecto burelés como “moi ilusionante e traballaremos forte para alcanzar os obxectivos. Aspiramos a xogar a Copa e os Play Off pero debemos ser humildes e ir paso a paso”. Na escuadra mariñá reencontrarase con Antoñito, Matamoros e Hugo cos xa compartiu vestuario anteriormente e competirá con Edu na defensa da portería laranxa. Respecto diso indicou que “é un reto apaixonante compartir responsabilidades con Edu que ten moita calidade e experiencia. Veño a sumar para o equipo, a seguir crecendo como deportista e persoa, e a competir sanamente. Estou seguro que vou aprender e mellorar con Edu de compañeiro”.